Bacofesta: rexorde con forza e que contará coa actuación de Fran Perea

A BACOFESTA REXORDE CON FORZA NA RÚA LOGO DE DOUS ANOS DE PARÓN POR MOR DA PANDEMIA

  • O alcalde presentou hoxe perante os medios de comunicación o programa dos festexos, que se desenvolverán esta fin de semana no recinto feiral do Aguillón
  • A organización confía en acadar os 3.000 visitantes nunha celebración que acada a súa VII edición e que contará coa actuación de Fran Perea -acompañado por Pablo Piñeiro- como prato forte

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, presentou onte perante os medios de comunicación o programa de actos que se desenvolverá no marco da BacoFesta 2022, unha celebración que “rexorde con forza no municipio logo de dous anos de parón por mor da pandemia”, tal e como sinalou o rexedor, e que espera “acadar os 3.000 visitantes” no recinto feiral do Aguillón.

A VII edición da BacoFesta, celebración que xurdiu en 2014 da man de Avelino García como alternativa local dentro da Rúa á celebración da Feira do Viño (que adoita ter lugar no Barco), arrincará oficialmente ás 20.45 horas deste venres, 12 de agosto, no recinto feiral do Aguillón. A continuación, abrirase o recinto feiral ata as 23.30 h. e a xornada concluirá cun concerto do grupo La banda de ayer.

Horarios da fin de semana

Xa na fin de semana, tal e como avanzou o alcalde, o recinto feiral permanecerá aberto entre as 12.45 h. e as 14.30 h. e entre as 19.45 h. e as 23.30 h. Tanto o sábado como o domingo, a Asociación Abertal da Rúa -a través da súa Banda de Gaitas e da súa agrupación Cantos de Taberna- amenizará musicalmente o ambiente.

A organización programará, ademais, concertos en ambas as dúas xornadas. Así, está previsto que o sábado actúe Los Players; mentres que o domingo, o prato estrela será a actuación de Fran Perea con Pablo Piñeiro, que presentarán o espectáculo conxunto Lo que te contaron del amor. 

 
Actividades para os máis pequenos

Os integrantes do Club de Piraguismo local desenvolverán, no marco da BacoFesta, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 h. actividades divulgativas sobre esta disciplina deportiva dirixidas aos cativos, segundo destacou tamén o alcalde no marco da súa intervención desta mañá. Na xornada do domingo tamén haberá unha actuación de maxia a cargo de Roberto Lolo.

Álvaro Fernández tamén puxo de manifesto o esforzo e a implicación do Concello coa celebración de cara a procurar unha festa que poida ser de interese turístico no futuro. Para iso, téntase integrar ao tecido económico local no seu desenvolvemento.

Como exemplo desta política, o rexedor sinalou que se ofreceu dende o consistorio ás diferentes cafeterías, restaurantes e pulperias do municipio a posibilidade de explotar comercialmente o bar e o restaurante que estarán habilitados no recinto feiral.

Segundo explicou o alcalde, houbo dúas cafeterías locais interesadas (para o bar) e dende o concello procurouse que obtiveran a concesión da explotación comercial de xeito asociado. No caso do restaurante houbo unicamente un local municipal interesado, que será quen finalmente se ocupe de xestionar comercialmente o espazo no recinto feiral.

Paralelamente, o alcalde resaltou que co gallo do XX aniversario do irmanamento entre A Rúa de Valdeorras e o municipio estremeño de Almendralejo, haberá un stand promocional especial no recinto feiral da BacoFesta para que este concello poida promocionar o mellor dos seus recursos, patrimonio e gastronomia. “Respodemos así á xentileza que Almendralejo tivo connosco no seu Salón do Viño e da Aceituna (Iberovinac), onde A Rúa puido promocionar a súa enogastronomia”, sinalou o rexedor.

Sobre a BacoFesta

A BacoFesta é unha feira romano-gastronómica que quer epoñer en valor os viños da zona e a súa gastronomia, homenaxeando as orixes romanas da vila. Hai uns anos púxose o xerme e, dado o éxito das edicións celebradas, dende o equipo de goberno que dirixe Alvaro Fernández decidiuse organizar de novo este verán esta cita lúdico-festiva.

Aínda que inicialmente se expresaron dúbidas sobre se sería posible realizar a festa en tempo e prazo, estou orgulloso de anunciar que si será posible facelo grazas ao traballo e ao esforzo dun equipo de goberno cohesionado e unido

, sinalou o rexedor da Rúa.

También te podría gustar...