Avelino Garcia y Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañó ao alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal, na inauguración onte nesta vila a mostra “180 anos de historia provincial”, unha exposición que está a percorrer as comarcas ourensás e que ten como obxectivo poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio e dos proxectos.

A mostra, que poderá visitarse na Casa da Cultura da Rúa ata principios do vindeiro mes de decembro, está composta por 40 paneis de gran formato. Concíbese como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, dende a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de “provincia” convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.

Tamén ocupan un importante espazo na mostra a historia do concepto “deputación” e a traxectoria moderna da institución, así como as súas competencias, sedes e patrimonio. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas. O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan protagonismo para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.

Como complemento, editouse un libro catálogo que afonda e amplía os contidos da exposición con diferentes apartados temáticos: “Somos provincia, creamos futuro”, por Manuel Baltar; “A provincia, un concepto histórico”; “A provincia moderna”; “O goberno provincial” e “O Inorde”, analizando ademais aspectos como o Plan Ourense 92, Ourense como recurso termal e os diversos plans e proxectos que ten en marcha a Deputación de Ourense.