Avanzan a moi bo ritmo os traballos de restauración das pinturas renacentistas da Igrexa de San Xiao de Lobios, en Sober

  • O Concello de Sober pretende facer unha ruta cultural que conecte esta igrexa coas de San Vicente de Pinol e Santa María de Proendos

 

Avanzan a moi bo ritmo os traballos de restauración das pinturas renacentistas da Igrexa de San Xiao de Lobios, en Sober. O equipo de restauradores que dirixe María Dolores Lago leva xa varias semanas de traballo.

A actuación é financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e conta cun orzamento de 54.215 euros. É unha operación cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Os traballos no interior do templo van permitir recuperar as pinturas que se conservan no muro norte e no arco triunfal e algún fragmento do muro sur.

 

Ruta cultural

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que coa recuperación destas pinturas, xunto coas recentemente rematadas en San Vicente de Pinol e as recuperadas a principios do 2000 en Santa María de Proendos, o Concello de Sober pretende facer unha ruta cultural.

 

A igrexa

A igrexa de San Xiao de Lobios é un dos mellores exemplos de arquitectura tardorrománica que se conservan na Ribeira Sacra. A igrexa, que pertenceu a un antigo mosteiro de monxas beneditinas, data do século XIII e está conformada pola ábsida e unha nave onde se desenvolve sobre os seus parámetros dous ciclos.

 

As pinturas murais desenvólvense no muro norte, no arco triunfal e pequenos fragmentos no muro sur baixo varias mans de caleados ocultándoas case na súa totalidade.

A intervención ten como finalidade a súa posta en valor co medidas correctivas, de conservación e restauración que se completarán cos estudos históricos, toma de datos e analíticas e a restauración propiamente dita co desencalado, consolidacións do morteiro e policromías, estabilizando os danos e proporcionando unha lectura adecuada dos parámetros polícromos.