Augas de Galicia celebra en Santiago a mesa de participación activa do novo Plan hidrolóxico 2015-2021

Reunión da mesa de participación pública do Plan Hidrolóxico Galicia Costa foto xoán crespo 09/06/15

 

Augas de Galicia celebrou o pasado martes a mesa de participación activa do novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa na cidade de Santiago. Trátase dun foro aberto a todas as persoas interesadas en coñecer o documento que servirá de base para o desenvolvemento da xestión da auga na demarcación Galicia-Costa os próximos 6 anos. Neste marco, os cidadáns poden debater sobre algún dos temas de máis interese ou facer propostas que completen ou modifiquen a idea inicial da Administración.

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, asistiu a esta reunión desenvolvida na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago. Mañá terá lugar a mesa da Coruña, ás seis da tarde no edificio administrativo da Xunta. En Vigo, pola súa banda, xa se celebrou esta reunión o luns pola tarde.

Para apuntarse as mesas ou conseguir máis información sobre o o proceso de planificación hidrolóxica pódese enviar un correo a augasdegalicia.dma@xunta.es ou chamar por teléfono ao 981 56 12 13.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, convoca aos cidadáns a participar no proceso de elaboración do Plan Hidrolóxico 2015-2021 da Demarcación Galicia-Costa. Durante os vindeiros meses, o organismo autonómico Augas de Galicia desenvolverá diferentes actividades para fomentar a máxima participación da sociedade neste proceso.

Esta participación activa consistirá na organización de diferentes talleres, ao longo de toda a xeografía da bacía Galicia-Costa, nos que se dinamice a participación cidadá e cos que se pretende dar a coñecer o proceso de planificación hidrográfica da bacía e fomentar o debate sobre os aspectos incluídos no borrador do novo Plan.

Ademais destas actividades de participación activa previstas para os próximos meses, cabe recordar que, desde o pasado 5 de xaneiro, está exposto a consulta pública o borrador do Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2015-2021 e, desde a pasada semana, o Estudo Ambiental Estratéxico deste borrador ao que toda persoa interesada pode acceder a través da propia páxina web de Augas de Galicia e realizar as alegacións que se consideren ata o mes de xullo.