Ás mellores compañías de teatro de Galicia no FETEGA

  • O FETEGA reúne ás mellores compañías de teatro de Galicia na súa XXVII edición, no Carballiño
  • A presentación do festival tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do director de AGADIC, Jacobo Sutil; da directora do FETEGA, Josi Lage, e de actores das compañías que actuarán no festival
Presentación FETEGA 2016

Presentación FETEGA 2016

 

O Festival de Teatro Galego, FETEGA, chega este ano a súa XXVII edición, sendo o festival máis antigo da comunidade e convertido nun referente da cultura e do teatro galego. A presente edición, na que colabora a Deputación de Ourense e que se celebrará entre hoxe e o 9 de setembro no Carballiño, presentouse onte no Pazo Provincial, coa presenza do vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández; do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do director de AGADIC, Jacobo Sutil; da directora do FETEGA, Josi Lage, e de actores das compañías que actuarán no festival.

O programa conta con espectáculos pensados para todos os públicos. Durante catro xornadas O Carballiño volverá converterse na capital do teatro galego, sendo o FETEGA o único festival que se centra exclusivamente nas artes escénicas producidas en Galicia. As representacións realizaranse no anfiteatro exterior do Carballiño e no Auditorio Municipal, sendo as do anfiteatro (ás 20:00 horas) as seguintes: «Encontros», de Pistacatro Productora de Soños, que abrirá a xornada o martes día 6; «Girisho: The king of the circus», da compañía Desastronauts, que fará as delicias do público o mércores día 7; «Trasno», de Pistacatro Productora de Soños, o xoves día 7, e por último, pecha as actuacións «UP2DOWN», da compañía Traspediante.

No Auditorio Municipal as representacións serán as 22:30 horas e nesta ocasión o festival aposta polas seguintes obras: O martes 6, unha obra con 7 nominacións aos premios «María Casares»: «Ensaio sobre a cegueira», da compañía Sarabela Teatro. Continúa o mércores 7, alzando a voz contra a violencia de xénero, coa obra «Unhas poucas picadelas», da compañía Teatro de Ningures. O xoves 8 chega ao Auditorio a recoñecida compañía Teatro do Morcego, que representará a obra «Nosa señora das nubes». E por último, pecha o FETEGA, o venres 9 «Monólogo do imbécil», da compañía Eme2, seguida da gala de entrega de premios, que nesta ocasión, conta para presentala coa actriz Isabel Blanco.

O programa do FETEGA complétase con actividades paralelas, que abranguen obradoiros, teatro na rúa e conferencias, que se desenvolverán na vila do Carballiño en horario de mañá e tarde entre os días 6 e 9 de setembro.

También te podría gustar...