As Feiras do Libro 2015 percorrerán Galicia desde abril ata agosto con 12 eventos nas catro provincias

O conselleiro de Cultura e Educación participou na presentación dun libro sobre a traxectoria vital e literaria de Luz Pozo GarzaAs Feiras do Libro de Galicia 2015 iniciarán o vindeiro mes de abril un percorrido polas catro provincias galegas que as levará ata o mes de agosto por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos.

Baixo o lema ‘A historia en letras’, en alusión ao historiador e escritor Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado este ano coas Letras Galegas, a Federación de Librarías de Galicia e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promoven “estes espazos de encontro anuais da cidadanía cos libros e lectura, cos autores e autoras, cos libreiros e libreiras, e, en xeral, coa cultura”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do novo calendario das feiras, na que tamén se deron a coñecer as principais citas internacionais nas que estarán presentes o libro e a literatura galegas co apoio da Xunta de Galicia.

12 espazos de encontro co libro e a lectura

Acompañado pola presidenta e o vicepresidente da federación, Pilar Rodríguez e Xosé Antón Pedreira, e mais pola presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura Rodríguez, o secretario xeral anunciou que a primeira das citas terá lugar en Pontevedra do 14 ao 19 de abril. Nese mesmo mes, entre o 22 e o día 26, as feiras do libro chegarán á cidade de Ferrol. O 1 de maio será a quenda de Santiago de Compostela, onde permanecerán ata o día 10. A próxima parada será tamén no mes das letras, do día 12 ao 17 en Lugo. A continuación, as feiras chegarán a Ourense, do 2 ao 7 de xuño.

Xa no verán, a primeira cita será a da cidade de Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

O calendario de 2015 mantén o número das 12 feiras do pasado ano, coa diferenza de que, este ano, en lugar de Ribadeo, será o concello de Ribeira o que acolla unha das citas.

As feiras do libro antigo e de ocasión

O calendario de feiras complétase coas de libro antigo e de ocasión, que se celebrarán do 16 ao 31 de maio na capital de Galicia, do 13 ao 28 de xuño en Pontevedra, do 4 ao 19 de xullo en Lugo, do 25 de xullo ao 9 de agosto en Vigo, do 15 ao 30 de agosto na Coruña e, finalmente, do 5 ao 20 de setembro en Ourense.

As novidades editoriais volverán saír á rúa como cada ano entre os meses de abril e de agosto, acompañadas, segundo explicou o secretario xeral, dunha “completa programación de diversas actividades para todos os públicos”, entre a que se inclúen presentacións de obras, concertos, sesións de contacontos, obradoiros, etc.

A este obxectivo contribuirán tamén as entidades culturais locais que, como cada ano, participan activamente na programación das feiras, así como as bibliotecas de xestión autonómica, que sairán das súas instalacións para se unir á festa do libro cun espazo propio onde lles acercar os seus servizos a grandes e pequenos.

Galicia, nas feiras do libro internacionais

Ademais de favorecer o comercio do libro na comunidade, desde a Xunta de Galicia apostamos por impulsar a proxección exterior do sector editorial coa participación nas principais feiras internacionais do libro. Concretamente, a Xunta de Galicia manterá a presenza do libro galego na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil deBoloña, do 30 de marzo ao 2 de abril; e nas feiras internacionais do libro de Buenos Aires, do 23 de abril ao 11 de maio; de Frankfurt, do 14 ao 18 de outubro; e de Guadalaxara (México), do 28 de novembro ao 6 de decembro.

O sector editorial galego estará presente a través da visibilización das novidades editoriais das súas empresas, así como da participación de recoñecidos escritores e escritoras e de profesionais da ilustración –coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración– na programación cultural paralela que se desenvolverá nas feiras.