As exportacións galegas medran máis dun 20% en abril con respecto ao mesmo mes do ano pasado

Foto: ocu.org

Foto: ocu.org

As exportacións galegas subiron máis dun 20% en abril con respecto ao mesmo mes do ano pasado, triplicando o crecemento do resto de España, dun 6,5%. Segundo os datos que fixo hoxe públicos o Ministerio de Economía e Competitividade, Galicia sitúase así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas ao exterior en abril. Do mesmo xeito, no acumulado de xaneiro a abril de 2015, as exportacións galegas medraron nun 5,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior, posicionándose deste xeito por riba da media española, dun 4,9% no que levamos de ano.

Estes bos datos se reflicten na balanza comercial, medrando preto dun 31% de xaneiro a abril de 2015 con respecto ao mesmo período de 2014, ata acadar un saldo positivo de 932 millóns de euros.

Por sectores, as razóns do crecemento exportador se deben fundamentalmente ao bo comportamento en abril de sectores como a automoción, cuxas exportacións creceron ese mes por riba do 15%, os produtos enerxéticos –cun crecemento do 190%-, ou o téxtil, cun incremento das vendas ao exterior en abril superior ao 12%.

A especial relevancia destes datos responde a que Galicia xa alcanzou en 2014 o seu segundo mellor rexistro histórico en materia de exportacións, unhas cifras históricas acadadas grazas ao esforzo do tecido empresarial, que conta co apoio da Xunta.

Neste eido, o Goberno galego puxo este ano en marcha a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, á que destina 50 millóns de euros para os anos 2015 e 2016 e coa que se busca incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020, e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos.

A Estratexia busca ademais incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata o 40% en 2020, aumentar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia, e ampliar o número de empresas exportadoras ata lograr as 8.000 no 2020.