As empresas do posto do Consello Galego de Cooperativas abren novos contactos comerciais en Xantar 2015

20150302_rogeliomtez_xantar1

 

As nove sociedades empresarias presentes estes días no stand do Consello Galego de Cooperativas, que se instalou no Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense, Xantar 2015, despídense hoxe deste evento cun gran éxito, xa que obtiveron unha gran afluencia de público interesado non só pola calidade da súa produción, senón tamén polo seu modelo empresarial.

O papel do cooperativismo no impulso do tecido económico e social de Galicia é unha realidade, tal e como o reflicten os datos rexistrados na Consellería de Traballo e Benestar. Un total de 1.240 cooperativas presentes en tódolos sectores estratéxicos da comunidade favorecen o estímulo da economía rexional e xogan un importante papel no desenvolvemento de Galicia. Trátase de favorecer unha estrutura cooperativa capaz de crear emprego e xerar economías de escala, facilitando así a innovación e a internacionalización.

Desde o Consello Galego de Cooperativas, órgano adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, acadouse o obxectivo marcado de promover e difundir os valores propios do cooperativismo como fórmula de autoemprego, equidade e competitividade empresarial. Estes son: a preocupación común pola explotación racional dos recursos; o respecto polo contorno e o territorio; e a atención ao consumidor final. Foron moitos os visitantes e emprendedores interesados nesta fórmula empresarial, a cal demostrou resistir mellor a crise neste últimos anos.

Ademais, as nove cooperativas participantes no stand da Consellería de Traballo e Benestar aproveitaron o certame para facer novos contactos comerciais, tal e como se desprende dos encontros e visitas doutas empresas, restauradores e axentes comerciais, que estes días pasaron polo posto do Consello Galego de Cooperativas. Hai que engadir, así mesmo, a demanda dos centos de visitantes e profesionais por coñecer as variedades dos produtos lácteos, queixos, requeixo e xeados artesanais de Campo da Capela, Condado-Paradanta, Cooperativa Agraria Provincial da Coruña -Granxa O Cancelo; dos embutidos de poldro e porco celta de Monte Cabalar; e dos caldos das Bodegas Eidosela, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Bodega Cooperativa da Rúa Virxe das Viñas.

E, xa no apartado dos produtos cooperativos do mar, destacou o interese amosado polos particulares no proceso de envasado de anchoa do Cantábrico que levan a cabo na cooperativa Anaco e as posibilidades de conseguir eses produtos procedentes exclusivamente da pesca artesanal galega, directamente do mar ás súas casas, que distingue a oferta de Canto de Balea.