Aprobado un manifesto polo Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

  • A Xunta de Goberno da Deputación aproba un manifesto polo Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller
Xunta de Goberno 04/11/2016

Xunta de Goberno 04/11/2016

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou un manifesto polo Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 4 de novembro.

O manifesto institucional aprobado con motivo da vindeira celebración do Día Internacional para a Eliminación da violencia contra a muller, o 25 de novembro que expresa o seguinte:

«A Deputación de Ourense, no marco do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, quere expresar a súa máis enérxica denuncia e condena a calquera tipo de violencia que se exerza contra a muller, comprometéndose como institución pública e representante da sociedade a traballar para poñer fin a todo tipo de discriminación en razón de sexo.

Unha sociedade igualitaria e defensora dos dereitos fundamentais non pode tolerar o insulto, o menosprezo, a humillación e maila agresión ás mulleres, cando non o asesinato como ten ocorrido en 76 casos no que vai do presente ano.

Máis que unha cifra, o número de mulleres que perderon a vida pola sinrazón das súas parellas ou ex parellas ten que nos servir para afondar no compromiso social contra este tipo de violencia, non só na súa máis dramática expresión, senón contra aquelas actitudes que supoñan violar dereitos básicos como a igualdade e o respecto ás persoas.

Se a sociedade está chamada a ter un papel esencial na loita contra a violencia de xénero, as institucións públicas teñen a obriga de poñer todos os medios necesarios para acabar con esta lacra, sexa dende o ámbito educativo, impulsando a concienciación cidadá para eliminar estereotipos sen sentido ou facendo que a xustiza sexa implacable contra os maltratadores.

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso na tarefa de concienciación da nosa sociedade e de promoción dos valores máis elementais no respecto ás persoas e, nomeadamente, ás mulleres, facendo súa unha prioridade básica como é rematar coa violencia de xénero».

Axudas de cooperación

Asemade a Xunta de Goberno aprobou destinar un total de 270. 036 euros para cooperar con asociacións e concellos da provincia de Ourense en materia de medio ambiente, infraestruturas, cultura e deporte.

Concretamente, aprobou dúas axudas para asociacións da provincia, unha delas de 2.000 euros para Albor destinada á reforma no local social da entidade; e a outra axuda de 1.200 euros para a Asociación de Entrenadores de Fútbol Afiador, para gastos de funcionamento correspondentes á tempada 2015-2016.

Por outra parte, en materia de deporte, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da segunda convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2016. En total aprobou 10.706 euros entre 18 entidades deportivas nas disciplinas de fútbol, voleibol, tenis, ximnasia, entre outras. Asemade na xuntanza aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Federación Galega de Fútbol e a Deputación de Ourense, asinado o 15 de xuño de 2016, polo que a Deputación de Ourense concede unha axuda de 1.250 euros para a posta en marcha e cofinanciamento dunha escola provincial de base de fútbol, e outra axuda de 42.500 euros, para a organización e cofinanciamento da Copa Deputación 2015-2016.

En materia de cooperación cos concellos, na reunión aprobou unha axuda para o Concello de Allariz para o Festival Internacional de Xardíns do ano 2016, por importe de 15.000 euros. Para o Concello de Bande aprobou unha axuda de 12.600 euros para a redacción do proxecto básico da obra de urbanización do acceso e contorna da capela visigótica de Santa Comba. Outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Laza por importe de 59.000 euros para a canalización da liña de media tensión subterránea para a subministración eléctrica ao parque de aventura do municipio.

Para o Concello de Lobeira, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas, unha delas de 9.000 euros para a brigada medioambiental, e outra de 10.000 euros para traballos medioambientais. Para o Concello de Padrenda aprobou unha axuda para o arranxo da depuradora por importe de 14.780 euros e, para o Concello de Piñor unha axuda de 10.000 euros para a adquisición dunha carpa para a celebración de eventos. As outras tres axudas aprobadas foron para o Concello de Porqueira de 25.000 euros para a adaptación de velorios municipais, para o Concello de San Cristovo de Ceo para o arranxo do palco de música por importe de 15.000 euros, e outra de 12.000 euros para o Concello de Sarreaus para os velorios de Sarreaus e Cortegada. Por último, para o Concello de Avión aprobou unha axuda de 30.000 euros para levar a cabo diversas actuacións e investimentos municipais.

También te podría gustar...