Alfonso Blanco, de Freixido a produtor da mellor estrea española de 2021

  • Este ourensán, produtor executivo e Director Xeral de Portocabo, é orixinario desta poboación, no Concello de Petín
  • A súa primeira longametraxe, “Cuñados”, é xa a mellor estrea de 2021 en España superando todas as súas expectativas

 

Estas semanas estase a falar moitísimo da película “Cuñados”, a crítica está entregada e do público que podemos dicir… A tope tamén con ela. Alfonso Blanco, o produtor, dinos que contaban con distribuír 40 copias –20 para Galicia e 20 para o resto do Estado– e chegaron a 135 na segunda semana.

Alfonso Blanco, coñecido como ‘Fosco’ nos seus círculos próximos, é orixinario de Freixido, no Concello de Petín, pero a súa vida está moi conectada á cidade de Ourense. A súa nai é “a filla do panadeiro” e o seu pai ‘dos Blanco de Freixido’.

En Freixido non naceu, pero case. Cóntanos Alfonso que, cando a súa nai estaba para dar a luz, o seu pai colleu o 600 para poñerse ‘na sexta marcha’ dirección a Ourense pola OU-536. Alí naceu, pois, e alí volvería con dezasete anos para estudar COU e facer a carreira universitaria de Empresariais. O obxectivo deste traslado era continuar os estudos, pero ‘Fosco’ confesa que a verdadeira intención del era xogar ao baloncesto, unha das súas paixóns desde pequeno e coa ilusión de chegar á Liga ACB.

Revolvendo no arcón da memoria dinos que xa destacaba no Mapri da Rúa e despois, xa en Ourense, foi junior do COB Ourense chegando a xogar na liga EBA.

Na cidade de Ourense meteulle horas a outra das súas afeccións, o cinema, ao tempo que sacaba COU e Empresariais. E por cousas do destino, a experiencia e coñecementos que adquiriu no mundo cinematográfico (coloquios, charlas, organización de festivais, devorando películas…) casou perfectamente cos coñecementos que lle aportou a carreira para chegar ao que hoxe é, un produtor de éxito.

Autor: Jaime Olmedo
 
INICIOS E TRAXECTORIA DE ‘FOSCO’ NO CINEMA

Cando era pequeno o seu pai levábao ao Cine Avenida da Rúa e alí coñeceu con 14 ou 15 anos a Manolo González, un profesor de Instituto moi activo coa cultura e que fundou naqueles anos a Asociación Cigurrios. Un intelectual que fixo cousas tan importantes como colaborar na fundación do CGAI –Centro Galego de Artes da Imaxe– e na creación da Escola de Imaxe e Son da Coruña, centro no que tamén foi director moitos anos. Anos despois, e por avatares da vida,  Alfonso reencontrouse con Manolo nun curso de verán da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Este reencontro sería un ‘xiro de guión’ importante na súa vida pois afondou na relación co seu admirado Manolo que anos despois o animou a apuntarse nun módulo de produción na Escola de Imaxe e Son da Coruña, unha formación que se ofrecía por primeira vez no centro.

Fosco lembra que Manolo lle dixo: “estiveches en Cannes, fixeches cursos, organizaches festivais, sabes de narrativa de cine, tes coñecementos de empresa, márketing e publicidade… ti es un produtor!”. “Tes que vir”, porfioulle. E velaquí como a cadea de coincidencias ou causalidades foron levando a este veciño de Freixido a explotar o seu talento no mundo da produción audiovisual.

A partir deste módulo xa entrou como produtor en Voz Audiovisual participando en series como Mareas Vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella, Padre Casares ou Matalobos. Nesta produtora estivo once anos e despois atreveuse co seu propio proxecto, Portocabo, no ano 2009.

Nesta etapa, na que xa foi dono do seu destino, fixo producións importantes como Vidago Palace ou Auga seca –coproducións con Portugal–, Hierro –coprodución con Francia– ou a exitosa longametraxe actual Cuñados.

 
CUÑADOS

‘Cuñados’ é a primeira longametraxe, e no xénero comedia, na que se mete Alfonso Blanco como produtor. Dinos que “xa a tiña no coco” e que aquí en Galicia temos materia prima, que era cuestión de tempo.

A película, con tópicos moi ben tratados, “dende o agarimo”, di o produtor, está chegando moi ben incluso ao público non galego.

Ourensanía, familia, trapalleiros, tráfico ilegal de pulpo, pillería… son algunhas das etiquetas presentes nesta comedia que tan ben está funcionando no mercado e superando as expectativas iniciais marcadas.

 

Unha comedia inspirada noutra clásicas como “Atraco a las tres” e que garante risas, tan importantes en calquera momento da vida, pero máis neste que nos toca vivir. Nada máis, se non a vistes, ide vela.