ACADAR promoveu o emprego de 57 mulleres con discapacidade

  • O ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’ de mulleres con discapacidade redobrou os seus esforzos para proporcionar atención telemática e presencial ás mulleres con discapacidade
  • ACADAR desenvolve esta iniciativa en Galicia grazas ao convenio establecido entre Fundación ”la Caixa” e COCEMFE
  • Un total de 85 mulleres con discapacidade participarán en 2021 neste programa que forma parte do compromiso de ACADAR co cumprimento da Axenda 2030

 

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) redobrou os seus esforzos dende o inicio da pandemia da COVID-19 para continuar loitando contra os factores de discriminación interseccional que afectan ás mulleres con discapacidade a través do ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’, no que participaron 57 mulleres deste grupo social procedentes de Galicia, ao longo do ano 2020.

Este programa da Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) promóvese en colaboración co programa Incorpora da Fundación ”la Caixa” e desenvólvese en Galicia por ACADAR, como entidade membro de COCEMFE. Adaptado á situación da pandemia, o programa seguiu prestando apoio telemático e presencial, co obxectivo de contribuír ao empoderamento das mulleres con discapacidade como proceso que fomenta a súa autonomía social e económica e que serve como motor para a activación para o emprego naquelas mulleres en desemprego de longa duración e/ou en situación de maior vulnerabilidade.

Para iso, fíxose  fincapé en dar resposta ás necesidades das mulleres con discapacidade atendidas, a través de accións como o reforzo dos recursos tecnolóxicos do persoal técnico e a implantación de medidas extraordinarias para a adaptación dos servizos, garantindo a seguridade e a atención e posibilitando a atención presencial.

En detalle, o ano pasado dedicáronse 225 horas á atención individual, conseguiuse a inclusión laboral de 9 mulleres con discapacidade e impartíronse 74 horas de sesións grupais en empoderamento, habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica.

Así mesmo, adoptáronse medidas dirixidas a facer fronte ao incremento da fenda dixital nas mulleres participantes no programa, tras constatar que máis do 38% das mesmas vira limitado en maior medida o acceso e o uso de recursos tecnolóxicos nesta situación de pandemia, afectándolles, sobre todo, a circunstancia como a participación en actividades online.

“Dende COCEMFE estamos traballando co máximo esforzo para que, a pesar da COVID-19, non se vexan obstaculizados os obxectivos a favor da igualdade entre homes e mulleres e a inclusión das persoas con discapacidade, a defensa dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, sensibilización a entidades sociais e cidadanía, promoción do coñecemento, mellora da empregabilidade, impulso do empoderamento, sororidade e asociacionismo ou a erradicación da violencia machista”, destaca a secretaría de Muller e Igualdade de COCEMFE, Encarnación Rodríguez.

Pola súa banda, Marta Valencia, secretaria de Organización de COCEMFE, destaca que “dende o inicio da pandemia comprobouse a importancia da detección precoz das necesidades, de prestar apoio psicosocial nas situacións de maior vulnerabilidade e de aumentar a interlocución cos organismos competentes en materia de atención sociosanitaria”.

Este programa forma parte do compromiso de ACADAR co cumprimento da Axenda 2030, concretamente co Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable de igualdade de xénero (ODS 5), para o cal é imprescindible rematar coa discriminación e a vulneración de dereitos sociais, económicos, civís e políticos ás que se enfrontan as mulleres e nenas con discapacidade.

Durante 2021, o ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’ continúa desenvolvéndose en Vigo, onde se prevé atender 85 mulleres con discapacidade. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto con Cruz Refojos, a través do correo igualdad.galicia@cocemfe.es ou no teléfono 664.068.185.

A Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia ( ACADAR ) constituíuse no ano 2009 por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade. ACADAR promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade de Galicia para a súa plena integración e participación en todos os ámbitos da súa vida a través de programas dirixidos a toda a sociedade.

A Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) é unha ONG sen ánimo de lucro constituída en 1980. O seu obxectivo é conseguir a plena inclusión e participación activa das persoas con discapacidade física e orgánica en todos os ámbitos da sociedade, a través da promoción, defensa e reivindicación do exercicio dos seus dereitos, así como da coordinación, representación e impulso do seu Movemento Asociativo, contribuíndo así á construción dunha sociedade inclusiva e diversa. Está formada por 89 entidades estatais, autonómicas e provinciais que aglutinan a máis de 1.600 asociacións.