A Xunta concede case 2,3 millóns de euros en axudas a 126 concellos galegos que promoven proxectos de mellora en Rede Natura
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se fan públicas a adxudicación de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza concedeu unha subvención a 126 concellos, o que se traduce nun investimento de 2,29 millóns de euros.
Grazas a esta liña de actuación, un total de 37 concellos da provincia da Coruña son adxudicatarios destas axudas, que sumen máis de 600.000 euros, e que permitirán actuacións como: o arranxo de Camiños nas Cacharras, parroquia de Razo, no Concello de Carballo; o acondicionamento da ponte románica de Pielas, no Municipio de Narón e a conservación da ribeira do río Mercurín, ao seu paso polos Concello de Ordes.
No caso da provincia de Lugo, estes incentivos permitirán á administración local o acondicionamento da fonte de Barxamaior e do Viño, no Concello de Pedrafita; ou a segunda fase da recuperación da senda de acceso a Negueira de Muñiz, mentres que no Concello da Pontenova acondicionarase parte da ruta das Reigadas. En total nesta provincia investiranse 530.000 euros en 28 concellos.
Á provincia de Ourense destínanse 560.000 euros que se repartirán entre 29 concellos. Estas axudas permitirán a recuperación do abrevadeiro e valo en Paradela de Abaixo, no Concello de Manzaneda; traballos na contorna do Castelo Grande na parroquia de Santigoso, na Mezquita, e o acondicionamento e mellora de uso público dunha ruta no Cañón do Sil- Santa Cristina, en Parada do Sil.
Por último, na provincia de Pontevedra, un total de 32 concellos recibirán axudas da Xunta para realizar traballos nas zonas integradas na Rede Natura 2000, que suman case 600.000 euros. Así, o Concello de Catoira recibirá unha subvención para un proxecto de preservación do ecosistema natural. No caso do Concello da Illa de Arousa, levaranse a cabo actuacións no parque do Carreirón e no de Silleda, melloraranse os camiños para adecuación de uso público das contornas de Carboeiro e Fervenza do Toxa. Tamén serán subvencionables tarefas de sinalización con paneis interpretativos na ribeira do Miño, no tramo da fortaleza en Goián ata Forcadela, no Concello de Tomiño.
Cómpre recordar que o obxectivo destas subvencións é colaborar cos concellos na execución de accións que permitan a mellora da paisaxe, o mantemento das condicións ambientais ou a recuperación de especies historicamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000. Tamén é finalidade deste programa de axudas, cofinanciado con fondos FEADER, a conservación e restauración de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional coa finalidade de incrementar nas explotacións agrícolas, o valor de recreo público das zonas Natura 2000.
Así, as 126 actuacións que se subvencionarán están integradas nestes tres tipos de proxectos, que son obxecto da liña de axudas establecida pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza:
• Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos: limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios; sinalización de camiños, e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000.
• Accións a prol da recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional (rehabilitación de elementos de valor patrimonial nas explotacións: hórreos, milladoiros, cabanas, sequeiros, muros, fontes e calquera outra de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000).
• Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais: sistemas de condución e drenaxes próximos a zonas de acceso; investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes; mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns, mellora de accesos, levadas ou traídas que faciliten a conservación ou mantemento en bo estado dos hábitats seminaturais, soutos e prados de sega dentro da Rede Natura 2000.