A Xunta cederalle aos concellos información tributaria para reducir trámites burocráticos a cidadáns e empresas

image_gallery (2)

 

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) vai colaborar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) na cesión de información de carácter tributario a través de sistemas telemáticos. Neste marco, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez –en calidade de presidente da ATRIGA-, e o presidente da FEGAMP, José Manuel Rey Varela, veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de acadar un funcionamento máis áxil, eficaz e menos burocrático das administracións.

Este acordo permitiralle aos concellos que se adhiran obter toda a información que precisen relativa á situación fiscal dos beneficiarios de subvencións ou contratistas da administración local. Deste xeito, os concellos poderán obter telematicamente os certificados de non ter débedas coa Xunta, evitando así que os beneficiarios de subvencións ou contratistas da administración local teñan que achegalos pola súa conta. Agora, a información pasará a ser subministrada directamente ao concello pola ATRIGA, a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económica-Financeira e Contable (CIXTEC).

O convenio enmárcase no obxectivo global que teñen todas as administracións de facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns. O acordo incide así mesmo na importancia de aproveitar as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, e na mellora das relacións entre as Administracións e os cidadáns.

Máis axilidade
Ademais, esta colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a FEGAMP dotará os concellos de máis axilidade na resolución de expedientes para a concesións de subvencións ou axudas, ao tempo que garante a máxima fiabilidade dos datos obtidos por vía telemática.

En todo caso, o subministro de información entre as dúas administracións realizarase sempre respectando os dereitos fundamentais dos cidadáns e a protección de datos persoais recollidos pola Constitución e a Ley Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Personal.

A Axencia Tributaria de Galicia xa ten asinado convenios similares coas catro deputacións provinciais co obxectivo de favorecer e axilizar a cesión de información de carácter tributario.

También te podría gustar...