A Xunta apoia os actos que a Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano organizará no Día Internacional da Loita Contra a Droga

Actos ATOX1

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá nunha rolda de prensa na que a Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano (ATOX) presentou a programación de actos organizada con motivo do Día Internacional da Loita contra a Droga, que se celebrará o vindeiro venres, día 26. No acto estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, o xefe do servizo de Deportes, Mario Guede, ademais de responsables de ATOX e representantes das institucións  local e provincial.

Rogelio Martínez indicou que dende hai anos, a Xunta de Galicia vén de colaborar con esta entidade ourensá que leva traballando 27 anos no campo das toxicomanías. Explicou que a colaboración é transversal dende distintos departamentos autonómicos “o que demostra o compromiso do Goberno galego coas políticas sociais”.

Así, a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, mantén un convenio con ATOX para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos que ata a data de hoxe durante este 2015 supuxo unha subvención de mais de 24.000 euros.

Actos ATOX

 

Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social vén de concederlle tódolos anos unha cantidade semellante. Neste exercicio, a orde aínda saíu publicada no DOG o pasado 10 de xuño polo que se descoñece a achega económica que lle corresponderá este ano. Dende o 2012, a  asociación recibiu axudas por un total de 190.000 euros, cantidade que destinou a un programa que desenvolve no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar de apoio á abstinencia, seguimento e inserción sociolaboral dos reclusos, amais doutro xenérico de reinserción, e mesmo ao mantemento do centro.

O obxectivo dos actos organizados por ATOX é “sensibilizar á poboación en xeral da problemática da droga” a través dunha xornada festiva na que terá lugar unha manifestación cidadá de apoio a este colectivo, un torneo de fútbol sala e un xantar popular.

Segundo o Informe Estudes 2013 realizado polo  Plan Nacional sobre  Drogas do Ministerio de Sanidade, publicado en marzo deste ano, as drogas que presentan unha idade de inicio máis temperá seguen sendo o tabaco, as bebidas alcohólicas e o cannabis, por esa orde. As dúas primeiras sobre os 16 anos de idade e a terceira cerca dos 19 anos. Ademais, destaca a alta porcentaxe de poboación que consume o alcohol en “atracón” (máis de 5 bebidas alcohólicas en menos de 2 horas) chegando ata case un 16%. Este tipo de consumo intensivo asociase á maior prevalencia de consumo simultáneo doutras drogas. O 35% dos mozos enquisados consumen máis dunha substancia.

A Consellería de Sanidade ven desenvolvendo as estratexias incluídas no Plan de trastornos adictivos para o período 2011-2016, co obxectivo de planificar e ordenar as actuacións propias e con outras Administracións públicas e privadas para atallar os múltiples problemas no uso e abuso  de drogas e outras adiccións.

También te podría gustar...