• No congreso participan representantes de 19 países que analizarán e intercambiarán estratexias para o desenvolvemento internacional do turismo e do folclore
  • O delegado territorial, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación a afirmou que o folclore é unha ferramenta extraordinaria de transmisión e intercambio de coñecementos culturais.
  • O grupo de danzas ourensán “Queixumes dos Pinos” foi o encargado coordinar este proxecto

DSC_7982

 

Ourense será sede desde o venres que vén e durante tres días do Congreso Internacional de Folclore e Turismo da Internacional Union of Folklore Association (IGF). O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación deste evento cuxa organización nesta edición correspondeulle ao grupo de danzas da provincia ourensá “Queixumes dos Pinos”.

Durante o congreso, que se vai desenvolver no Hotel Balneario Laias Caldaria emprazado no concello de Cenlle, os participantes achegados de 19 países analizarán e intercambiarán experiencias e estratexias para fomentar o desenvolvemento internacional do turismo e da cultura folclórica.

A Xunta de Galicia colabora e participa desde distintos departamentos autonómicos coas actividades programadas neste congreso. “O folclore é unha ferramenta extraordinaria de transmisión e intercambio de coñecementos culturais. Por iso o goberno galego apoia e fomenta todo evento relacionado co seu mundo”, apuntou o delegado territorial.

Na súa intervención Rogelio Martínez deulle os parabéns ao director de Queixumes dos Pinos por facer realidade este proxecto, o primeiro congreso destas características que se celebra a nivel mundial. Ademais, o delegado territorial recoñeceu publicamente o labor desenvolvido por este grupo de danzas a prol do folclore tradicional galego desde a súa creación no ano 1994.

DSC_7956