Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Xunta de Galicia abriu esta semana pasada o prazo para que os empregados públicos da Administración galega soliciten axudas para atender persoas con discapacidade. As solicitudes poden facerse a través da web da Xunta ata o vindeiro 13 de abril.

O Executivo galego destinará este ano máis de 2,1 millóns de euros en axudas de ata 180 euros mensuais no marco do Fondo de Acción Social de 2014, cuxos criterios de repartición foron publicados xa no Diario Oficial de Galicia (DOG). A través deste fondo, o persoal ao servizo da Administración autonómica pode percibir unha axuda máxima de 2.160 euros anuais para a atención de persoas con discapacidade.

Pode solicitar estas axudas o persoal da Administración galega que prestase servizos na Xunta en 2014 e que no prazo de presentación de solicitudes se atope en servizo activo. O solicitante deberá ter baixo a súa dependencia directa e legal unha persoa con discapacidade física, psíquica ou sensorial, sempre que sexa cónxuxe, parella de feito, fillo ou ascendente de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade, ou tutelado por sentenza xudicial firme.

As persoas solicitantes teñen dúas posibilidades de acceder a este fondo. Por unha banda, poden acollerse á modalidade de baremo, para o que a contía a percibir varía en función do grao de discapacidade do causante e da renda per cápita da unidade familiar, sendo o máximo a percibir 2.160 euros anuais.

Por outra, poden acollerse á modalidade sen baremo, na que os interesados perciben os importes mínimos de cada grao de discapacidade, a saber, para o grao de discapacidade ata o 64% percibirán 1.020 euros; para o grao ata o 74% percibirán 1.200 e para o 75% ou máis de discapacidade percibirán 1.500.

Todas aquelas persoas que cumpran os requisitos establecidos e queiran optar a estas axudas deben completar en liña a solicitude e anexos que atoparán na páxina web http://www.xunta.es/funcion-publica/fondo-de-accion-social