A Semana Europea das Rexións e Cidades – Open Days 2015 contará un ano máis cunha ampla participación galega

  • Varios representantes galegos debaterán con expertos e outros membros do ámbito local e rexional sobre demografía e integración rural e urbana
  • Esta semana celébrase paralelamente a 114º sesión plenaria do Comité das Rexións europeo

3527F_1436785181_OD2015A edición 2015 dos Open Days, a Semana Europea das Rexións e Cidades, que se celebra en Bruxelas dende hoxe, contará como cada ano cunha ampla participación galega, coordinada a través da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas.

Estas xornadas son un evento anual que sirve de plataforma para que as rexións e cidades de Europa compartan experiencias e amosen a súa importancia á hora de poñer en marcha as políticas europeas. Dende o seu lanzamento, o evento tense convertido en peza clave da política rexional da UE a través do intercambio de experiencias de expertos en temas como o desenvolvemento económico, a cooperación transfronteiriza ou a innovación, entre outros.

Nesta decimoterceira edición, e baixo o lema “Socios para a inversión e o crecemento”, a Semana Europea das Rexións e Cidades centrarase en tres temas como o papel das rexións na Unión da Enerxía e o Mercado Único Dixital, as rexións como impulsoras da actividade empresarial e o emprego e o desenvolvemento e integración dos espazos urbanos e rurais. Nesta ocasión, Galicia participa en dous consorcios.

Oportunidades para o cambio demográfico
Dada a importancia que ten para Galicia os desafíos demográficos, a comunidade galega organiza xunto a outras 11 rexións europeas o seminario “Oportunidades para o cambio demográfico: servizos públicos e desenvolvemento económico en áreas con desafíos demográficos” onde a subdirectora de Planificación e Innovación de Política Social da Xunta de Galicia, Pilar Martínez, explicará a experiencia galega cos chamados “fogares intelixentes”. Este proxecto pretende ofrecer unha mellor atención aos maiores no seu entorno social habitual adaptando os fogares as súas necesidades mediante a tecnoloxía.

Europa das tradicións
Por outra banda, a Deputación da Coruña organiza xunto a outras 10 rexións o seminario “A integración das áreas rurais e urbanas: ideas e experiencias das rexións europeas” centrado na integración urbana e rural e que terá lugar na oficina da FGE en Bruxelas. Neste encontro, o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, presentará o proxecto Partner-TIC 2, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e cuxo obxectivo é o fomento do emprego nas áreas rurais a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).

Premios RegioStars
Ao abeiro dos Open Days, os alcaldes de Chaves e Verín acudirán a Bruxelas para asistir á cerimonia de entrega dos premios RegioStars, un concurso organizado por DG REGIO que recoñece os mellores proxectos financiados con fondos estruturais. A Eurocidade Chaves-Verín é finalista nesta edición na categoría “Cidades” ao ser recoñecidos os seus esforzos por ofrecer servizos conxuntos nos ámbitos do deporte, a cultura e o comercio, ademais de implicar aos cidadáns nas preto de 50 iniciativas transfronteirizas cofinanciadas pola UE.

Open Days
Dende 2003, o Comité das Rexións europeo (CdR), en colaboración coa dirección xeral de Política Rexional da Comisión Europea, organiza este evento que ao longo dos anos tense convertido en peza clave da Política Rexional da UE. Durante esta semana Bruxelas recibe a máis de 6.000 participantes en Open Days, a maioría procedentes dos ámbitos rexional e local. Ademais dos cen seminarios que se celebrarán na capital comunitaria ata o día 15, máis de 250 eventos locais téñense posto en marcha en toda Europa dende o mes de setembro.

Sesión plenaria do Comité das Rexións
A celebración de Open Days coincide coa 114º sesión plenaria do Comité das Rexións que se reunirá en Bruxelas entre os días 12 e 14 e onde se prevé aprobar o ditame sobre o futuro da acuicultura europea que lidera Galicia e do que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, é relator. Neste pleno intervirán a Alta Representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Federica Mogherini, así como o comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, o comisario de Economía Dixital e Sociedade, Günther Oettinger e o comisario de Acción polo Clima e a Enerxía, Miguel Arias Cañete.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

También te podría gustar...