• O Culinary Zinema, a sección dedicada á gastronomía do prestixioso festival, acolleu onte o estreo de Cocinando en el fin del mundo, unha película producida por Esmerarte coa colaboración de Turismo de Galicia e AGADIC
  • A longametraxe, dirixida por Alberto Baamonde, permite descubrir o lado máis auténtico e elegante da gastronomía galega actual mostrando unha cociña de futuro que afunde a súas raíces na tradición
  • Ao fío do estreo, o Basque Culinary Center acollerá a celebración dunha cea temática a cargo dos cociñeiros do Grupo Nove que contará coa presenza da directora de Turismo de Galicia

3039280212_77c86aa5b9O Culinary Zinema, a sección dedicada á gastronomía do prestixioso festival internacional de San Sebastián acolleu onte o estreo da primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega, Cocinando en el fin del mundo, unha película producida por Esmerarte coa colaboración de Turismo de Galicia e AGADIC.

A longametraxe, dirixida por Alberto Baamonde, permite descubrir o lado máis auténtico e elegante da gastronomía galega actual. Así, Cocinando en el fin del mundo é unha película que non se detén na cara máis coñecida, tradicional e turística da gastronomía de Galicia senón que céntrase nos elementos emerxentes e xeralmente ocultos que axudan a explicar o momento actual dunha cociña de futuro que afunde a súas raíces na tradición.

As paisaxes de Galicia en combinación con algún dos produtos máis exquisitos e singulares da tradición culinaria galega, xunto con referencias aos seus produtores, comercializadores e cociñeiros, son a carta de presentación desta película documental.

Cocinando en el fin del mundo constitúe, deste xeito, unha homenaxe á cociña galega, caracterizada pola súa perfecta mestura de tradición e vangarda, e aos profesionais, que día a día están a revolucionar a gastronomía da nosa comunidade.

A longametraxe aporta unha visión renovada da cociña da nosa comunidade, protagonizada por emprendedores e profesionais feitos a si mesmos difundindo este valor esencial da nosa oferta turística e da nosa identidade.

O Grupo Nove en vivo no festival de San Sebastián
Tralo estreo de Cocinando en el fin del mundo, o Basque Culinary Center acollerá a celebración dunha cea temática a cargo dos cociñeiros do Grupo Nove, protagonistas da longametraxe, que contará coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O grupo de cociñeiros galegos mostrarán a nova cociña galega nunha experiencia exclusiva deseñada en torno ao documental.