A Mostra de Viños de Pantón xa presume de ‘festa de interese turístico de Galicia’

  • Esta pasada fin de semana, 14 e 15 de maio, recuperaba a súa esencia esta cita vitivinícola despois de dous anos de parón marcados pola pandemia
  • Oito foron as adegas que estiveron presentes no certame e un pregoeiro de prestixio para o evento, José Mouriño Cuba, artífice da creación da D.O. Ribeira Sacra

 

Esta superada fin de semana, do 14 e o 15 de maio, tivo lugar a 27ª edición da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón. A cita, que se celebrou no Campo da Feira desta localidade, recuperou todo o seu esplendor tras dous anos interrompida pola pandemia.

 

O sábado estivo marcado pola inauguración a cargo de D. Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, acto protocolario que tivo lugar pola mañá, e a IV Festa da Empanada no recinto do Castro. A música, que estivo presente xa pola mañá con charangas e batucada, foi a protagonista pola tarde, co concerto do grupo A Roda, o Grupo Alcar e xa como guinda á festa a actuación de ‘La Penúltima Sabinera’, formación que rendeu tributo a Joaquín Sabina.

Na xornada do domingo, tras a recepción de autoridades procedeuse sobre as 13:30 h. a escoitar ao alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que deu a benvida e presentou ao pregoeiro, José Mouriño Cuba. Este enxeñeiro técnico agrícola, que traballou como funcionario para o Estado e para a Xunta –Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria–, foi tamén xefe do servizo de Industria e Calidade Agroalimentaria (ICA). Nesta etapa, como responsable de industria alimentaria impulsou varios proxectos, un deles o da D.O. Ribeira Sacra. Pódese dicir, pois, que foi artífice principal en poñer en valor o territorio empezando pola recuperación dos viñedos e alcanzando o selo distintivo para os viños.

Pola tarde actuaron no recinto feiral o folión co grupo de acordeóns da asociación Xograres de Lemos ás 16:30 h. e a orquestra Solara a partir das 19:00 h.

 
FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Nesta convocatoria, que estreou distinción como festa de interese turístico de Galicia, a organización apostou por un formato de dous días e combinouse coa IV Festa da Empanada, que se celebrou no recinto do Castro.

No recinto feiral, no Castro, estiveron presentes 8 adegas asentadas todas no Concello de Pantón: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Don Ventura e Corzoás. Presentaron os seus mellores caldos baixo as xa tradicionais carpas e compartiron recinto feiral con outros postos de alimentación e artesanía.

 

Imaxes:

También te podría gustar...