• “A Molinera”, un dos espazos protagonistas do Plan de Emprego Xuvenil e das iniciativas de coworking da Deputación de Ourense
  • A ministra de Emprego en funcións, Fátima Báñez, visitou hoxe as instalacións, acompañada por Manuel Baltar; polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e polo director xeral da EOI, Fernando Bayón
  • Baltar destacou que o traballo do Comité de Cooperación Permanente Deputación-Concello de Ourense “posibilita que desenvolvamos conxuntamente iniciativas neste espazo de coñecemento, como xa fixemos hai semanas coas actividades da Ourense ICC Week”
  • O Plan de Emprego Xuvenil suporá un investimento de 3,6 millóns de euros e beneficiará a xóvenes desempregados da provincia de Ourense, con idades entre os 16 e os 30 anos, nos ámbitos da formación, o fomento da contratación e o autoemprego
  • Ademais da Molinera sumaranse ás actividades de coworking espazos nos concellos Xinzo e Celanova, “todo co obxectivo de seguir recuperando emprego na provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar.

 

Manuel Baltar con Fátima Báñez e Jesús Vázquez, na visita á Molinera

Manuel Baltar con Fátima Báñez e Jesús Vázquez, na visita á Molinera

 

O Centro de coñecemento “A Molinera”, de Ourense, será un dos espazos protagonistas do Plan de Emprego Xuvenil “Empregou” e das iniciativas de coworking que impulsa a Deputación de Ourense, xunto cos espazos para traballo cooperativo que se habilitarán nos concellos Xinzo e Celanova, “todo grazas á cooperación entre administracións para dar un novo impulso ao emprendemento e ao apoio do emprego xove na provincia de Ourense”, afirmou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, na visita que realizou á Molinera, acompañando á ministra de Emprego en funcións, Fátima Báñez. O acto contou, asemade, coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o director xeral da Escola de Organización industrial (EOI), Fernando Bayón, e o concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ourense, Jorge Pumar.

Baltar destacou que o traballo do Comité de Cooperación Permanente Deputación-Concello de Ourense “posibilita que desenvolvamos conxuntamente iniciativas neste espazo de coñecemento, como xa fixemos hai semanas coas actividades da Ourense ICC Week”, e lembrou que a finalidade do Plan de Emprego Xuvenil, para o que se investirán 3,6 millóns de euros, “é seguir recuperando emprego en Ourense, como durante todo este tempo puxo e valor a ministra Fátima Báñez no ámbito nacional, a quen lle agradezo que nos visite en Ourense para coñecer os proxectos e realidades polos que apostamos conxuntamente o goberno local e provincial, coa cooperación da Escola de Organización Industrial e o apoio do Goberno de España”.

O Plan de Emprego Xuvenil, asinado días pasados entre Manuel Baltar e Fernando Bayón, beneficiará a xóvenes desempregados da provincia de Ourense, con idades entre os 16 e os 30 anos, nos ámbitos da formación, o fomento da contratación e o autoemprego. O convenio entre Deputación de Ourense e Ministerio de Industria posibilitará o desenvolvemento das actuacións enmarcadas no ámbito do emprego xuvenil, como son a aceleración de emprendedores, o programa de emprego xuvenil e axudas económicas a empresas para a contratación. A finalidade é mellorar a formación dos xóvenes para o seu acceso ao mercado laboral, por medio de cursos especializados, e tamén fomentar a contratación, a través de axudas a empresas para a contratación de xóvenes desempregados, e finalmente, fomentar o autoemprego, con actividades de formación e axudas para que poidan poñer en marcha a súa propia empresa.

Fátima Báñez destacou que grazas ao esforzo de todos “España está a vivir unha recuperación social e estanse a multiplicar as oportunidades porque se crea emprego en todas as comunidades autónomas, en todos os sectores económicos e en todos os grupos de idade”

O Plan Xuvenil de Emprego “Empregou” é unha iniciativa contemplada para xuño de 2016 no cronograma do plan de mandato “Ourense 15-19”, que beneficiará a máis de 450 xóvenes desempregados. Os xóvenes desempregados recibirán formación e asesoramento gratuíto en espazos de coworking, accedendo a cursos especializados nas temáticas que máis demandan as empresas da provincia de Ourense, todo elo acompañado con axudas á contratación e a posta en marcha de novas empresas.

Os espazos de coworking, entre eles o que se establecerá na Molinera, están concibidos para emprendedores que estean constituíndo a súa empresa ou nunha fase moi temperá de creación (non superior aos 6 meses de constitución). Neste sentido, o emprendedor recibirá un apoio integral, tanto no que se refire ao espazo de traballo, formación, monitorización de 40 horas, talleres e eventos promocionais, durante os 5 meses que estará “acelerando” o seu proxecto.

Esta primeira edición de “Espazos Coworking” (en total son 4 edicións) permitirá impulsar 22 proxectos de emprededores, e o obxectivo é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores. A esta actuación súmanse os espazos coworking de Celanova e Xinzo de Limia, cofinanciados polo Igape.

O Plan de Emprego Xuvenil leva asociadas axudas a empresas para a contratación dos xóvenes formados, cun importa máximo de 5.000 euros por contrato, sendo o montante total das axudas á contratación de 360.000 euros.