Obras de mellora de seguridade viaria en 4 estradas ourensás cun investimento de máis de 740.000 euros

  • Ethel Vázquez salienta que a Xunta comezará no verán obras de mellora de seguridade viaria en 4 estradas ourensás cun investimento de máis de 740.000 euros
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentou onte as actuacións que se executarán en dúas travesías do Concello de Celanova
  • Vázquez concreta que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación destas actuacións que se centrarán na adecuación do firme de 11,2 km destas vías que pasan por 7 concellos da provincia
  • No municipio de Celanova reforzarase o firme ao longo de 1,4 km nas avenidas López Blanco e San Rosendo, que disporán dunha achega económica de máis de 226.000 euros
  • A conselleira destaca o avance nunha materia prioritaria como a seguridade viaria así como a aposta polo interior de Galicia, ao tentar mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos, independentemente do lugar onde vivan
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, en Celanova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, en Celanova

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe na súa visita ao Concello de Celanova que a Xunta comezará no verán obras de mellora de seguridade viaria en catro estradas da provincia de Ourense, ás que destinará un investimento de máis de 740.000 euros. Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, precisou que mañá o Diario Oficial de Galicia publicará a licitación destas actuacións.

A titular de Infraestruturas presentoulle hoxe ao alcalde de Celanova, José Luís Ferro, as actuacións que o Goberno galego ten previsto realizar na avenida López Blanco (OU-531) e na de San Rosendo (OU-540), que contarán cun investimento de máis de 226.000 euros.

Estes traballos consistirán no reforzo de firme ao longo de 1,4 km, que permitirán poñer ao servizo de veciños e condutores, travesías máis cómodas e seguras para os seus desprazamentos.

A conselleira explicou que a licitación que mañá publicará o DOG inclúe, no mesmo contrato, melloras en materia de seguridade viaria noutros municipios da provincia. Precisou que se trata de reforzos de firme ao longo de 11,2 km de 4 estradas de titularidade autonómica que beneficiarán a 7 concellos ourensáns.

Ethel Vázquez salientou que o Goberno galego está a avanzar un novo paso nunha materia prioritaria como é a seguridade viaria. Ademais, engadiu que se está a apostar polo interior de Galicia, ao tentar mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos, independentemente do lugar onde vivan.

También te podría gustar...