A iniciativa da Xunta ‘Comercio con talento’ impulsa a innovación e o emprendemento no sector implicando ao estudantado ourensán
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe a nova iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Tal e como se salientou na presentación da iniciativa, que en Ourense se desenvolverá no CIFP Portovello e o CPR Santo Cristo, a campaña vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grado superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa zona, seguindo determinados criterios.
Explicou Vázquez Abeal, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, que un xurado especializado escollerá ao negocio gañador en cada área, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público, e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial.
A campaña Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca e na que está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes de toda Galicia, compleméntase cun concurso de fotografía que se vai desenvolver no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios en metálico para mercar no comercio local.
O impulso ao sector comercial é un dos principais eixos da actuación da Consellería de Economía e Industria, que no que vai de ano leva activados xa programas de apoio por 7,6 millóns de euros centrados en eidos como a innovación e a modernización, o respaldo ao asociacionismo comercial ou a potenciación dos mercados e prazas de abastos.