A fortaleza de Monterrei acolle hoxe a terceira xornada de ‘Vive o Castelo’ cos maiores talentos da música galega

image_gallery

A fortaleza de Monterrei acolle mañá unha nova xornada do programa ‘Vive o Castelo’, a terceira xa deste conxunto de actividades lúdico-culturais promovidas por Turismo de Galicia que están a dinamizar a contorna do castelo e a ampliar a oferta turística deste territorio.

Nesta nova xornada de ‘Vive o Castelo’ a fortaleza acollerá, a partir das 20:30 horas, as actuacións musicas de Emilio Rúa e Uxía e Narf.

O primeiro concerto correrá a cargo de Emilio Rúa, un cantautor con máis de 15 anos en activo que, cantando sempre en galego, conseguiu chegar a todos os públicos e acadar os maiores recoñecementos. A fortaleza encherase mañá das súas letras e melodías pegadizas en galego que, xunto cunha alta calidade nas composicións, son os seus sinais de identidade.

A outra actuación da xornada a protagonizarán Uxía e Narf, dous dos maiores talentos da música galega das últimas décadas. Mañá o público que se achegue ata o Castelo de Monterrei poderá descubrir o seu primeiro disco conxunto que están a presentar en diferentes puntos de todo o mundo, As baladas da Galiza imaxinaria, onde unen as súas voces acadando un resultado que supón un salto cualitativo do noso cancioneiro.

Ademais, esta segunda xornada de ‘Vive o Castelo’ inclúe tamén dúas visitas guiadas teatralizadas, que darán comezo ás 20:00 horas e as 22:30 horas, nas que a cidadanía poderá visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores deste ben de interese cultural e público.

Vive o Castelo
O programa ‘Vive o Castelo’ é posible grazas ao proxecto de rehabilitación levado a cabo no conxunto arquitectónico co obxectivo prioritario de revitalizar o mesmo para usos culturais e turísticos.

Trátase dunha programación cultural e lúdica que componse de numerosas actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais que engloban dende o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras.

También te podría gustar...