• O conselleiro de Cultura e Educación asistiu á proxección do filme de Simón Casal, para o que a produtora Agallas Films contou co apoio da Xunta a través das subvencións á produción de longametraxes
  • A Agadic é unha das entidades colaboradoras do OUFF, no marco do que tamén promove o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia e a presentación das novas edicións de ‘Cinemas de Galicia’ e ‘Films from Galicia’

A vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) deu comezo onte a noite coa estrea a nivel europeo de ‘Lobos sucios‘, primeira longametraxe do director coruñés Simón Casal con produción da compañía galega Agallas Films. Arrancaron así nove intensos días de programación cinematográfica e actividades paralelas vinculadas ao audiovisual, para as que o encontro promovido polo Concello de Ourense conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outras entidades.

5542137w

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; asistiu no Auditorio Municipal á proxección deste filme, que se presentou en Ourense tras a súa estrea mundial en Estados Unidos no marco do Festival Internacional de Cine de Mill Valley, en California. ‘Lobos sucios’ é unha coprodución entre Agallas Films (Galicia), Dream Team Concept (Cataluña) e Left Field (Bélxica), que contou con apoio económico da Xunta de Galicia a raíz da convocatoria de subvencións da Agadic á produción e coprodución audiovisual do ano 2012. Durante a proxección estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz.

A organización do OUFF mantivo así a tradición de abrir o festival cunha película galega ou cunha historia vinculada en Galicia. No caso de ‘Lobos sucios’, a historia que protagonizan Marián Álvarez e Manuela Vellés está ambientada nas minas ourensás de wolframio que foron explotadas polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. A idea parte do documental de Felipe Rodríguez, tamén guionista da película, e está inspirada libremente en feitos e personaxes reais.

Foro galego-portugués
Xunto coa achega económica ao OUFF, a través dun convenio asinado o pasado mes de xullo, a Axencia Galega das Industrias Culturais tamén contribúe á programación desta vixésima edición do festival con tres actividades especificamente dirixidas á promoción do audiovisual galego. Así, o 20 de novembro terá lugar o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal, no que participará unha vintena de empresas produtoras e distribuidoras e canles televisións das dúas beiras do Miño na procura de futuros proxectos comúns.

Ademais, o día 17 está previsto o lanzamento do novo catálogo ‘Films from Galicia’, unha publicación con versións impresa e ‘online’ interactiva que recolle referencias das últimas longametraxes e produtos televisivos galegos, xa estreados ou en proxecto, que durante o ano que vén se empregará como material de difusión nas principais feiras internacionais do sector.

A terceira das accións conxuntas entre a Agadic e o OUFF é a presentación dun avance da nova edición de ‘Cinemas de Galicia’, o programa que a Xunta de Galicia organiza con varios concellos galegos para a exhibición de películas en pantalla grande en localidades que non contan con salas comerciais. No marco desta colaboración, o Teatro Principal de Ourense acollerá o día 20 as proxeccións do filme de animación ‘Meigallos’ (18.00 horas) e do documental ‘Os días afogados’ (20.30 horas) como adianto do catálogo de ‘Cinemas de Galicia’ para o ano que vén.