A EGAP programa un Plan de Formación con 439 actividades e máis de 20.000 prazas para 2015

xunta-de-galicia-300x135A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentou esta mañá o plan de actividades deste organismo para o ano 2015 durante o Consello Reitor, onde explicou que prevé a convocatoria de 439 edicións formativas e 20.355 prazas para o ano 2015, o que resulta un 9,75 por cento máis de edicións e un 10,27 por cento máis de prazas ca no ano anterior.

O Plan de formación previsto para 2015 inclúe a formación destinada ao persoal das administracións autonómica, local e de xustiza e, por vez primeira, tamén a dirixida ao persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas. Con esta actuación a Escola aglutina nun único instrumento a formación destinada aos distintos colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma para a adquisición de novas competencias, a profesionalización e a actualización continua.

O deseño deste plan parte dunha exhaustiva revisión dos resultados da avaliación das actividades do 2014 e da vixilancia permanente das actualizacións normativas e procedementais, o cal se traduciu nun incremento da formación naquelas materias que están a ser obxecto de desenvolvemento lexislativo. Como resultado os contidos experimentan unha gran renovación e diversificación, manteñen un enfoque eminentemente práctico e dan resposta a temáticas de importancia e actualidade para a Administración, contribuíndo a favorecer a transparencia na xestión e a ética pública.

Formación diferenciada para cada Administración

Ao igual que en anos anteriores, o persoal das diferentes administracións galegas recibirá unha formación diferenciada e adaptada ás súas necesidades. Así, o persoal da Administración autonómica poderá optar a un programa composto por 345 edicións e 15.810 prazas no que se reflicte unha importante renovación das materias, cunha porcentaxe de títulos novidosos do 47% nas materias transversais e do 77% nas materias relativas a competencias específicas.

Canto ao persoal de xustiza, o Plan de formación contempla a convocatoria de 34 edicións e 1.660 prazas, mentres que para o persoal das entidades locais galegas poranse en marcha 33 actividades con 1.190 prazas. Ademais, para este último colectivo, a EGAP tamén convocará, por segunda vez, subvencións para financiar os plans de formación das entidades locais de Galicia, cunha contía que ascende aos 411.705 euros.

Finalmente, a EGAP prevé convocar para o persoal de administración e servizos das universidades galegas 27 edicións formativas e 1.695 prazas.

También te podría gustar...