A directora de Turismo de Galicia presenta en Madrid a nova experiencia turística ‘Vinos y Camelias’

image_gallery

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Madrid a nova campaña ‘Vinos y Camelias’, unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa D.O Rías Baixas e Turismo Rías Baixas, que combina dous grandes reclamos turísticos consolidados xa na nosa comunidade: a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas.

Así, baixo a denominación de ‘Vinos y Camelias’ Turismo de Galicia promocionará conxuntamente dous produtos turísticos con enorme potencialidade e gran aceptación, que están a contribuír a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e a impulsar a desestacionalización da demanda.

A directora de Turismo de Galicia presentou esta nova experiencia a un grupo de prestixiosos periodistas especializados en gastronomía e turismo cos que compartiu un almorzo elaborado polo cociñeiro galego, Pepe Solla.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que esta flor insignia de Galicia alcanza o seu máximo esplendor no sur de Galicia convivindo cos viñedos dos que se obteñen os afamados viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. “Co obxectivo de continuar impulsando a consolidación e promoción destes dous grandes recursos presentamos esta nova forma de coñecer a nosa comunidade”, sinalou.

Na súa intervención, Nava Castro salientou que deste xeito esta iniciativa permitirá aos turistas que visiten os xardíns da Ruta da Camelia, gozar ao mesmo tempo doutro dos grandes tesouros de Galicia, os viños da D.O. Rías Baixas. “Así os visitantes poderán descubrir dun xeito diferente esta zona do sur de Galicia que conforma un dos destinos turísticos máis visitados da nosa comunidade”, explicou.

A directora de Turismo de Galicia referiuse á importancia que está a acadar a Ruta da Camelia como reclamo turístico. Así, manifestou, “a Ruta da Camelia de Galicia, constituída na actualidade por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados, é xa un referente internacional”. “Proba diso é que algúns dos pazos que configuran esta ruta superaron o pasado ano os 20.000 visitantes”, engadiu.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou que Galicia é o segundo lugar do mundo, despois de Xapón, con máis especies de camelia, concretamente alberga unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias. Nava Castro salientou tamén que esta ruta conta dende este ano cunha sinalización turística que abarca 75 sinais a través das cales os visitantes e turistas descobren con facilidade esta ruta e coñecen de xeito moito máis sinxelo todo o patrimonio que a conforma.

No que se refire a Ruta dos Viños das Rías Baixas, Nava Castro afirmou que esta ruta conforma un referente en canto a enogastronomía de calidade e un importante elemento de competitividade turística. “Esta ruta está certificada baixo os esixentes parámetros de calidade que posibilitan a súa integración no selecto grupo que compón o club de produto das Rutas do Viño de España”, explicou.

“Estamos convencidos de que este novo produto turístico contribuirá a consolidar Galicia como un destino turístico experiencial, un destino evocador de emocións e sensacións, e poñerá en valor estes recursos exclusivos, que só se poden gozar en Galicia”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Atractiva campaña de promoción en Madrid
Para promover este novo produto turístico e achegar esta experiencia única a todos os madrileños e turistas que visiten a capital, dende hoxe ata o próximo 4 de abril, as tendas especializadas Lavinia en Madrid acollerán unha atractiva campaña de promoción.

Estas prestixiosas vinotecas lucirán unha sorprendente decoración, ambientadas como un auténtico pazo galego con camelias naturais, e acollerán unha selección dos mellores viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, un total de 24 adegas que ofrecen 40 marcas de viño diferentes.

Ademais contarán cun punto de información onde poder informase de todo o relacionado con esta sorprendente experiencia, así como, calquera outra información turística da comunidade de Galicia que esperte o interese dos visitantes.

Presentación a turoperadores turísticos
Esta mesma tarde a directora de Turismo de Galicia presentará tamén a nova campaña a un grupo de turoperadores turísticos nun coctel de presentación que terá lugar ás 20 horas no restaurante Lavinia de Madrid.

También te podría gustar...