A Consellería de Cultura e Educación formará a medio cento de docentes de FP no desenvolvemento de situacións de traballo en contornos produtivos reais

Conselleria_Educacion_GaliciaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria formará a preto de 50 profesoras e profesores de ensinanzas de Formación Profesional a través de estadías en empresas ou institucións para mellorar a súa cualificación profesional nun entorno produtivo e situación de traballo real. A resolución provisional desta convocatoria acaba de publicarse no portal de FP (www.edu.xunta.es/fp) e as estadías desenvolveranse – segundo a modalidade- entre o 15 de abril e o 11 de setembro de 2015.

A Consellería de Cultura e Educación destina un total de 72.000 euros a esta convocatoria, da que cada docente poderá recibir un máximo de 2.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a actualización as competencias do profesorado galego co fin de que poida transmitir ao alumnado, neste caso concreto de FP, os coñecementos técnicos precisos para acadar a maior cualificación en cada sector produtivo.

A convocatoria contempla tres modalidades de estadía. A primeira delas correspóndese coas empresa coas que a Consellería acordou directamente o establecemento de postos de formación de docentes. En total serán 19 persoas as que se beneficien nesta categoría A, 6 máis que en 2014. Por outra banda, na modalidade B son os propios docentes os que propoñen os centros de traballo onde queren realizar as estadías. No caso da B1, na que se autorizaron de forma provisional 25 estadías, trátase de empresas situadas en Galicia; mentres que na B2 os docentes seleccionados desenvolverán este período formativo en empresas das comunidades de Madrid e Valencia, e en Grecia e Malta.

También te podría gustar...