A Consellería de Cultura e Educación continúa a súa aposta polo apoio ao alumnado con máis dificultades a través da sinatura de contratos-programa con 340 centros educativos provisionalmente inscritos

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a pechar a sinatura dos contratos-programa para o curso 2014-2015 cun total provisional de 340 centros educativos, o que supón un incremento respecto dos 334 que os subscribiron no 2013/2014. Para o desenvolvemento destas iniciativas a Consellería destinará 96 profesores, cifra moi similar á do curso pasado, ademais dos fondos adicionais que lles concede aos centros para que o profesorado en plantel asuma a impartición destes programas, e que este ano ascenden a máis de 3,6 millóns de euros.

Neste sentido cómpre lembrar que a subscrición dun contrato-programa non implica necesariamente a dotación dun docente a maiores, polo que a Consellería non comprende o motivo que está a levar a algúns centros a rexeitar a sinatura este ano cando en cursos anteriores xa fixeron fronte a esta iniciativa co propio profesorado do centro, é dicir, sen contratar máis persoal. En calquera caso a dos contratos-programa é unha iniciativa voluntaria á que os centros poden ou non optar, e pola que a Consellería aposta como ferramenta para a loita contra o abandono temperán e para a mellora da calidade educativa.

De feito cómpre sinalar que, entre outras accións desenvolvidas desde a Consellería, os contratos-programa teñen contribuído a un descenso moi significativo da taxa de abandono educativo temperán. Non en balde, Galicia rexistrou no ano 2014 unha taxa media de abandono educativo temperán do 18,5%, que no último trimestre do ano foi do 16,4%, a taxa máis baixa rexistrada na historia.

También te podría gustar...