Agadic-XuntaA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co foro audiovisual ‘Small is Biútiful’, que se desenvolverá o próximo 26 de xuño en París co obxectivo de propiciar o encontro entre profesionais galegos e franceses na procura de posibles acordos de coprodución cinematográfica.

A iniciativa, que se vén realizando desde 2008, promovida pola Commission du Film d’Ille-de-France e a asociación Espagnolas en París en colaboración coa revista Variety e o Marché du Film do Festival de Cannes, oriéntase nas súas catro últimas edicións ao apoio de producións independentes de cinema de autor baixo o ‘leit-motiv’ xenérico ‘Small is Biútiful’. Desenvolverase, ademais, como actividade complementaria da mostra ‘Dífferent 8! L’autre cinéma espagnol’, prevista do 17 ao 23 de xuño na capital francesa.

A Agadic participa nesta iniciativa na percura da promoción e internacionalización dos produtos audiovisuais galegos. ‘Small is Biútiful’ tamén está aberto a outras produtoras do resto de España mediante a presenza de entidades como Catalan Films & TV/PROA, o Instituto Vasco Etxepare, a Unidad Audiovisual Valenciana de CulturArts-IVAC e o Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales (ICAA).

Os interesados en concorrer a ‘Small is Biútiful’ teñen de prazo ata o próximo venres 29 de maio para presentar un proxecto de longametraxe que se atope na actualidade en fase de captación de financiamento e que non conte con ningún tipo de coprodución francesa nin teña sido presentada en convocatorias precedentes.

Para a súa selección, os organizadores valorarán especialmente os proxectos que reflictan a noción da autoría, que destaquen pola orixinalidade do seu tema e do seu tratamento ou que se atopen en estado de escritura e de preprodución. Os proxectos poderán rodarse en calquera lugar, pero se considerarán favorablemente os que utilicen servizos empresariais e profesionais das entidades organizadoras e colaboradoras.