O mercado «Galicia Escena PRO» abre a convocatoria para a selección dos espectáculos que exhibirá do 3 ao 5 de novembro

Agadic-XuntaA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as compañías profesionais galegas de teatro, danza, novo circo e maxia para o proceso de selección dos espectáculos que se exhibirán este ano en “Galicia Escena PRO”. Ponse en marcha, así, a terceira edición do mercado galego de artes escénicas, que terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro.

O evento, para o que o prazo de recepción de propostas se manterá aberto do 1 ao 15 de setembro, busca estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais cara á inclusión das súas novas montaxes nas carteleiras de teatros, auditorios, salas e festivais. Ao tempo, incidirase na posta en valor e na proxección social da creación galega, da que se exhibirá unha ampla escolma en catro escenarios composteláns: Auditorio Abanca, Salón Teatro, SGAE/Fundación Autor e Teatro Principal.

Adianto dos próximos proxectos
Como en anos anteriores, a carteleira de “Galicia Escena PRO” incluirá tanto espectáculos completos como propostas en formato ‘showcase’. Ademais, esta terceira edición incorporará por vez primeira unha xornada de ‘pitching’, de xeito que as compañías que así o soliciten lles poderán presentar aos programadores asistentes un avance dos seus proxectos para a vindeira temporada. No mes de outubro, a Agadic abrirá unha nova convocatoria de participación nesta sesión especial, que terá lugar coincidindo coa celebración da asemblea ordinaria da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Antes, levarase a cabo o proceso de selección das producións que integrarán o programa de exhibición deste mercado galego das artes escénicas. Para que a súas propostas poidan ser tidas en conta pola comisión de selección que se nomeará ao efecto, as compañías interesadas deberán enviarlle á Agadic no prazo estipulado o modelo normalizado de solicitude, xa dispoñible para a súa descarga na sección de avisos do web www.agadic.info. Aceptaranse traballos estreados entre outubro de 2014 e novembro de 2015 e cada compañía poderá preinscribir os seus espectáculos de xeito independente nas dúas modalidades de representación (exhibición completa e ‘showcases’), aínda que só poderá ser escollido un por empresa.

A pasada edición de “Galicia Escena PRO” serviu de escaparate para a compra-venda de producións galegas diante de preto de 80 axentes culturais, entre os que se atopaban programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras. Ademais, os espectadores non acreditados tiveron a oportunidade de asistir de xeito gratuíto a todas as funcións programadas ata completar a capacidade dos espazos.