Os circuítos de espectáculos da Agadic programarán ata finais de ano 160 actuacións escénicas e musicais para público infantil

image_gallery (1)Educación e Ordenación Universitaria achegaralles aos espectadores máis novos unha programación escénica e musical de 160 funcións, que se desenvolverá durante este segundo semestre do ano como parte da nova programación de dous dos circuítos de espectáculos xestionados pola Axencia Galegas das Industrias Culturais (Agadic): Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas.

As últimas propostas para público infantil e familiar de 51 compañías galegas e de 10 de fóra da Comunidade dan forma a esta carteleira, que terá lugar ata finais de ano en 29 localidades. Este calendario específico de actuacións, que ofrece teatro, música, danza, maxia e novo circo, acaba de arrancar no Carballiño e en Foz coas montaxes ‘Cair’, da compañía homónima, e ‘Ogrocho’, de Ningures Produción, respectivamente.

Concerto de Xoán Curiel
A continuación e tras o espectáculo musical ‘Estamos no verán’, que protagonizará Xoán Curiel o vindeiro día 23 na rúa do Curro de Noia, a programación intensificarase en setembro e, especialmente, cara a finais de ano coincidindo coas vacacións escolares de Nadal.

As tres devanditas funcións forman parte, en concreto, da oferta semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cofinanciada entre a Agadic e os máis de trinta concellos e entidades xestoras dos espazos asociados. Un total de 114 funcións das 222 que se desenvolven de xullo a decembro no marco deste circuíto corresponden a espectáculos pensados para os espectadores máis novos. Así, nesta carteleira atopamos recoñedidas formacións da escena galega, destacando por volume de contratación espectáculos teatrais como ‘Jim e a illa do tesouro’ de Eme2; ‘O último dragón’, de Sarabela, ou ‘A casa do avó’, de Tanxarina Títeres, entre outros.

Pola súa banda, en setembro iniciarase a nova programación da Rede Galega de Salas, financiada na súa totalidade pola Agadic. A oferta infantil ten tamén un importante peso neste circuíto, con 46 funcións do total de 70 previstas durante este período nos seus cinco espazos asociados: Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo.

Cultura no Camiño
Esta actividade amplíase este ano coa recollida no ciclo Cultura no Camiño, que a Consellería de Cultura e Educación e Turismo de Galicia promoven xunto a 93 concellos das diferentes rutas xacobeas, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. A súa terceira edición, para a que se conta tamén co patrocinio de Gadis, deu comezo a mediados de abril e estenderase ata o 31 de setembro para ofrecer un total de 316 actuacións escénicas e musicais, das que 174 se dirixen de xeito específico ao público familiar.

As programacións detalladas pode consultarse tanto no web da Agadic (www.agadic.info) como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://www.cultura.gal/gl/axenda), que –entre outros filtros– lles ofrecen aos usuarios a posibilidade de buscar actividades en función do tipo de público ao que se dirixen.