A Veiga ‘aposta por un turismo sostible e ordenado’ e formará guías turísticos da riqueza natural de Galicia

  • A Veiga acolle un curso para formar a guías turísticos sobre a riqueza natural de Galicia
Valerià Paül, Rosendo Fernández e Juan Anta

Valerià Paül, Rosendo Fernández e Juan Anta

 

O municipio da Veiga acollerá no vindeiro mes de xullo un curso para formar a guías turísticos sobre a riqueza natural de Galicia. O evento presentouse esta mañá no Pazo Provincial por parte do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director do curso, Valeriá Paül Carril, e ten como obxectivo formar a informadores de oficinas de turismo e guías en aqueles aspectos máis salientables para os visitantes, relativos ás singularidades que ten a riqueza natural de Galicia, e sinaladamente nesta edición, as montañas de Trevinca.

Rosendo Fernández sinalou que os obxectivos deste curso son «formar en turismo na natureza en Galicia e explorar as múltiples posibilidades que ofrecen o sendeirismo, o montañismo e o guiado, como actividades específicas de turismo de natureza». Tamén destacou o vicepresidente que esta acción formativa achegará aos informadores de oficinas de turismo e guías «unha serie de habilidades interpretativas e prácticas referidas ás montañas de Trevinca». Tamén subliñou Rosendo Fernández a promoción que está a ter o municipio da Veiga «con actividades como as xornadas de astroturismo, o recoñecemento «Destino turístico Starlight», ou a homologación das rutas de Trevinca, o que lle dan un pulo turístico moi importante a esta contorna da provincia de Ourense».

Juan Anta explicou que o Concello da Veiga «aposta por un turismo sostible e ordenado, destacando a singularidade dunha oferta turística baseada no contacto directo coa natureza».

Coa denominación de «VII Curso de formación para informadores de oficinas de turismo e guías», a actividade formativa celebrarase no Concello da Veiga do 11 ao 15 de xullo, a cargo do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR). «Pretende formar nos aspectos máis destacados do turismo en Galicia, para axudar aos traballadores do sector a reciclarse», asegurou Valerià Paül. O curso ten unha duración de 50 horas lectivas (35 teóricas e 15 prácticas) e está homologado pola Xunta de Galicia. Os interesados en participar teñen de prazo ata o 30 de xuño para inscribirse, e o prezo do curso é de 195 euros.

 

También te podría gustar...