• A Deputación de Ourense reforza o carácter universitario do CHUO financiando as prácticas de estudantes de Medicina
  • Manuel Baltar e o reitor da Universidade de Santiago asinaron hoxe o convenio que permitirá a 30 alumnos do 6º curso recibir formación no complexo hospitalario ourensán en Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica-Xinecolóxica, Clínica Pediátrica e Clínica Psiquiátrica
Manuel Baltar e Juan Manuel Viaño, na sinatura do convenio

Manuel Baltar e Juan Manuel Viaño, na sinatura do convenio

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño, asinaron hoxe en Santiago o convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións que permitirá aos alumnos do último curso do grao de Medicina realizar as súas prácticas académicas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Para elo o complexo hospitalario ourensán contará con cinco profesores asociados de ciencias da saúde (PACS) que se encargarán de impartir as materias de Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica-Xinecolóxica, Clínica Pediátrica e Clínica Psiquiátrica.

A sinatura do convenio tivo lugar no Reitorado da USC, acto ao que tamén asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o vicerreitor de Organización Académica, Luis Lima; e o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal.

Por medio deste acordo, a Deputación de Ourense comprométese a financiar cinco prazas de PACS do CHUO durante os cursos académicos 2015-2016 e 2016-2017, referidas ás especialidades anteditas, sendo o custo anual por praza de 4.332 €; o total das cinco prazas ascende a 21.660 €. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela comprometese a ofertar a 30 alumnos/as a realización das materias practicas de docencia clínica do 6º curso do grao en medicina no CHUO.

Manuel Baltar afirmou que con este acordo a Deputación de Ourense “reforza o carácter universitario do CHUO”, e remarca que isto supón “a defensa dunha visión integral de provincial, apostando pola súa sanidade na vertente da formación dos profesionais do futuro”. Baltar entende que con este convenio “o goberno provincial consolida o carácter universitario do complexo hospitalario ourensán neste acordo coa Universidade de Santiago”.

O acordo reflicte “o compromiso da Deputación de Ourense coa prestación de servizos de calidade, tanto aos concellos como ao conxunto da cidadanía da súa provincia”, sinala Manuel Baltar, e engade que o goberno provincial é consciente de que a participación activa dos profesionais sanitarios do CHUO na docencia clínica dos estudantes de medicina “supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada, o que redundará nunha maior satisfacción dos profesionais e nunha mellor atención aos cidadáns”. Por elo, o presidente da Deputación reafirma a relevancia de que o CHUO “colabore coa Facultade de Medicina da USC participando na docencia clínica do Grao de Medicina”. “Unha nova actuación en materia de cooperación”, conclúe Manuel Baltar.

Pola súa banda, o reitor da USC agradeceu a implicación de Manuel Baltar neste proxecto e recoñeceu o esforzo do goberno provincial no eido da formación sanitaria.

Precisamente, no presente curso académico na Universidade de Santiago implantouse o 6º curso de Grao de Medicina, con materias totalmente prácticas, para o cal se conta coa colaboración do CHUO para impartir a docencia aos alumnos. Neste sentido, a USC ten a responsabilidade de organizar e impartir o Grao de Medicina, con materias totalmente prácticas no 6º curso, dirixido aos alumnos que cursaron a totalidade do grao, arredor de 350 alumnos. Para levar a cabo a dita docencia, dado o elevado número de alumnos, preténdese contar coa totalidade dos hospitais universitarios do Sergas, entre eles co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).