• Medio Ambiente inviste máis de 100.000 euros na remodelación de espazos públicos urbanos do concello de Quiroga
  • Beatriz Mato e Julio Álvarez Núñez asinaron o convenio de colaboración polo que se executará esta mellora neste espazo público
  • Trátase dunha actuación recollida no Plan Hurbe, que ten entre os seus obxectivos fomentar a humanización das vilas e favorecer a cooperación entre administracións

image_gallery (3)

 

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Quiroga na remodelación de varios espazos públicos deste concello da provincia de Lugo. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, ratificaron o convenio de colaboración entre ambos departamentos, no que se recolle un orzamento de 110.000 euros para levar a cabo esta mellora.

As obras consistirán na reurbanización dunha rúa no núcleo de Pacios de Mondelo, na colocación de pavimento de seguridade de caucho no Parque da Constitución e na rúa San Martiño do Parque da Igrexa, onde tamén se mellorará o acceso. Por último, faranse traballos de acondicionamento da Praza Maior de Quiroga.

Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente con esta actuación foméntase a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo.

Coa sinatura do convenio, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar a licitación das obras nas próximas semanas.

image_gallery (4)

 

Plan Hurbe
O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.