O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou onte en Vigo o VIII Congreso Galego de Familias Numerosas.

  • O titular autonómico explicou que a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano a Xunta de Galicia concederá unha axuda directa de 100 euros mensuais por fillo ou filla que se fixará en función da renda per cápita. Esta achega servirá para afrontar gastos básicos como cueiros e alimentación e convivirá coas prestacións por fillo ou filla a cargo que a Administración autonómica ten xa establecidas

190688_a_1O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, sinalou onte na inauguración do VIII Congreso Galego de Familias Numerosas (AGAFAN) que se celebra en Vigo, as novas medidas para o ano 2016 que implantará a Xunta de Galicia para favorecer ás familias e impulsar a demografía. Rey Varela enmarcou estas novas actuacións na necesidade de garantir o recambio xeracional e insistiu na importancia capital que dende o departamento autonómico que dirixe outórgase ás familias e ás persoas.

Así, o titular de Política Social referiuse a novas actuacións de impulso social abordadas no Debate do estado da Autonomía co fin de reforzar os apoios ás persoas máis vulnerables e ás familias. En concreto, destacou que a partir do vindeiro exercicio aquelas parellas que teñan un fillo ou filla recibirán unha achega directa de 100 euros mensuais que se fixará en función da renda per cápita familiar. Esta axuda chegará a oito de cada dez familias e servirá para afrontar gastos básicos como cueiros e alimentación; e que ademais convivirá coas prestacións por fillo ou filla a cargo que a Xunta concede arestora. “Esta nova medida sitúa a Galicia á cabeza das Comunidades no eido social e no eido da conciliación da vida laboral e familiar”, manifestou.

Esta achega directa aos pais e nais que teñan un fillo a partir do 1 de xaneiro de 2016 engádese ás medidas e instrumentos para poder atender dun xeito personalizado e integral ás familias que xa están planificadas e en desenvolvemento. Este é o caso do Plan de Dinamización da Demografía de Galicia, a Estratexia de Apoio para as Familias Numerosas de Galicia que ten como horizonte posto no 2020 ou a Lei de Apoio á Familia e á Convivencia. Actualmente, o Goberno galego traballa nun Plan Galego de Política Familia, cuxo borrador xa publicou a Consellería de Política Social. Así mesmo, en 2013 a Xunta deu un paso máis no seu apoio ás familias numerosas cun documento marco en que se recollen máis de 50 medidas con diversos beneficios para as máis de 19.000 familias que ostentan esa condición en Galicia.

Comprometidos coas familias
Rey Varela recoñeceu o traballo de entidades como AGAFAN e garantiu o apoio e colaboración da Xunta. Ao respecto apuntou cuestións pendentes para o ano 2016 como a inclusión dos descontos para as familias numerosas nos prezos públicos das residencias de tempo libre ou a elaboración dunha carta de acompañamento co envío do carné familiar ás familias numerosas.

Por último, o conselleiro de Política Social felicitou aos galardoados neste VIII Congreso Galego de Familias Numerosas: os servizos informativos da TVG, Carrefour e o Concello de Oleiros, dos que salientou a súa contribución á mellora das condicións das persoas que integran este colectivo o que redundará no futuro na rexeneración da poboación de Galicia.