Exposición dos traballos dos pacientes de Saúde Mental

  • O Hospital de Día de Saúde Mental acolle desde onte a exposición dos traballos elaborados polos seus pacientes
  • A exposición, xa tradicional nestas datas, cumpre un dobre fin, mellorar a valoración e autoestima dos enfermos e apoiar ao programa de ocio e tempo libre, fundamental no tratamento rehabilitador e de integración
  • Os traballos expostos foron realizados polos pacientes nos distintos talleres de laborterapia desta unidade do C.H. Universitario de Ourense

 

O Hospital de Día de Saúde Mental, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (No E. Santa María Nai, soto) acolle desde onte a exposición dos traballos de artesanía e artes plásticas elaborados, ao longo do ano, polos pacientes deste dispositivo de saúde mental.

A venda dos traballos expostos está destinada a cobrir unha parte dos gastos do programa de ocio e tempo libre dos pacientes, polo que a exposición, xa tradicional nestas datas, cumpre un dobre fin, mellorar a valoración e autoestima dos enfermos e apoiar este programa, fundamental no tratamento rehabilitador e de fomento da integración.

Para os pacientes, tanto a terapia ocupacional como as actividades de ocio, constitúen unha parte fundamental do tratamento, destinado a potenciar a súa reinserción socio-laboral e a mellorar a súa dinámica familiar e calidade de vida.

Apoio decidido dos profesionais

As actividades, que dan lugar a exposición anual, contan co soporte imprescindible do persoal de enfermería do Hospital de Día, que asume, xunto cas súas labores clínicas diarias, o desenvolvemento desta programación artística.

Os traballos presentados pasan do centenar e consisten en creacións de todo tipo: cadros, caixas decorativas, espellos, pañoletas, pezas de madeira, escaiola ou poliuretano decorado, ademais de fundas e figuriñas e en goma eva.

Tanto polo propio interese da mostra, como polo seu fin socio-terapéutico, os profesionais deste dispositivo de saúde mental desexan animar a poboación a visitala, e en especial ós profesionais da saúde mental e familiares dos pacientes dos distintos dispositivos da nosa provincia.

También te podría gustar...