• Ourense, capital mundial da literatura, coa celebración do 82º Congreso do PEN Internacional
  • Está co-organizado pola Deputación de Ourense e o Centro PEN Galicia e terá lugar na capital ourensá do 26 de setembro ao 2 de outubro
  • Manuel Baltar dixo na presentación que este evento “será unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario”
Presentación 82º Congreso PEN Internaciona

Presentación 82º Congreso PEN Internaciona

 

Máis de 200 escritores de todo o mundo daranse cita na provincia de Ourense do 26 de setembro ao 2 de outubro na celebración do 82º Congreso do PEN Internacional, o organismo máis importante do mundo no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión, “un evento que converterá á provincia ourensá na capital mundial da literatura”, tal e como afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación do congreso, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, que será a sede central deste encontro literario. Baltar, acompañado do presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar; do coordinador do congreso, Xavier Castro, e da escritora e membro da comisión organizadora, Inma López Silva, deron conta do programa do congreso, que baixo o lema “Erguendo pontes literarias “será unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario”, expresou o presidente do goberno provincial.

Baltar, quen augura “un éxito de convocatoria, de contidos e de mensaxes desde Ourense para o mundo”, destacou o acerto do lema do congreso “pois a capital ourensá e a provincia son tamén territorios de pontes que nos unen nos ámbitos xeográfico e do pensamento con calquera lugar”, e engadiu que a Deputación de Ourense “está a apoiar desde o primeiro momento este proxecto, rigoroso e con criterio, que actualiza e difunde a nosa literatura e que nos conecta co eido literario dos cinco continentes nun evento de grande relevancia”.

O congreso está organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia. A candidatura de Ourense competiu con outra en España como foi a presentada por Girona e con países como Ucraína, Filipinas, Bolivia e Alemaña. “Seremos o centro de debate mundial no ámbito literario e a Ourense virán destacados escritores e escritoras, grandes prescriptores de opinión, nun evento que conta co apoio decidido do goberno provincial”, afirmou Manuel Baltar.

Pola súa banda Luis González Tosar dixo que os escritores do Centro PEN Galicia “temos a enorme satisfacción de acoller aos nosos compañeiros do PEN Internacional en Ourense, a cidade máis literaria de Galicia pola súa posición significativa en canto a autores e iniciativas para a conservación da literatura na lingua propia deste país, o galego”. O Congreso do PEN Internacional, que chega neste 2016 á súa 82 edición, celebrarase na capital de As Burgas entre o 26 de setembro e o 2 de outubro, sendo o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o lugar escollido como sede dos actos.

Participarán no programa arredor de 250 delegadas e delegados dos centros PEN dos cinco continentes. Deste xeito, asistirán representantes de toda Europa, así como de Sierra Leona, Sudáfrica, Togo, Uganda, Kenya, Ghana, Bielorrusia, China, Corea do Sur, Corea do Norte (no exilio), Kyrgyzstán, Kazajstán, Líbano, Bangladesh, Tíbet, Ucrania, Jordania, Macedonia, Taipei, Xapón, Filipinas, Myanmar, Irán (no exilio), Colombia, Chile, Arxentina, Puerto Rico, Haití, Canadá e Estados Unidos, así como os Centros PEN Langue D’Oc, Esperanto e Flamenco. Tamén asistirán delegados dos Centros PEN de Euskadi e Catalunya.

Entre os participantes, destacan como convidados especiais Claudia Piñeiro, Nélida Piñón, Eric Lax, Laura García Lorca, Paco Audije, Adam Michnik, Rui Madeira, António Barroso, Luis García Montero, Almudena Grandes, Mariasun Landa, Alex Sussana e os galegos Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Fernando Ramallo, Davide Salvado e integrantes da compañía teatral A Panadería, entre outros.

A escritora Inma López Silva dixo na presentación que o congreso “tende unha ponte natural entre o PEN europeo e toda a lusofonía”, e remarcou que o encontro “servirá para amosar a vitalidade da literatura galega, que respira innovación, estando ao nivel das mellores literaturas do mundo”.

Programación

Xavier Castro deu conta das actividades do programa que, ademais da Asemblea de Delegados, que terá unha duración de dous días e medio, abrangue exposicións, relatorios, recitais poéticos e a presentación do “Informe de Liberdade de Expresión e Dereitos Lingüísticos”, elaborado polo profesor Fernando Ramallo e polo xornalista Paco Aujide.

Asemade, entregarase o Premio “New Voices” do PEN International e haberá unha mesa redonda: “Galicia, ponte literaria”, na que participarán Nélida Piñon, Claudia Piñeiro e Xosé Luis Méndez Ferrín.

No marco da programación do Congreso do Pen Internacional, cómpre destacar o Proxecto Libertas, unha iniciativa que nace co fin de potenciar a defensa da liberdade de expresión como un dereito inalienable do ser humano, así como divulgar a cultura de paz. Especificamente, trata de facer visible a realidade ao longo da historia –e na actualidade- de todos aqueles escritores que, nalgún momento, viran vulnerados os seus dereitos fundamentais de expresión como consecuencia directa ou indirecta da redacción ou publicación das súas obras. Pretende a concienciación, primordialmente, na poboación xuvenil e, concretamente, dentro do contexto escolar.

A iniciativa consiste na exposición fotográfica-artística e o acompañamento dun texto explicativo da obra dos seguintes autores:

-Ohran Pamuk. Turquía (Istambul)

-Ángel Cuadra. Cuba (De los resúmenes y el tiempo)

-X. L. Méndez Ferrín. Galicia (Con pólvora e magnolias)

-Lio Xiaboo. China (Elegías de Cuatro de Junio)

-F. García Lorca. España (La Casa de Bernarda Alba)

-Susana Chávez Castillo. México (Poemario)

-Jude Dibia. Nixeria. (Among strangers)

O proxecto está promovido polo Centro PEN Galicia, coordinado e dirixido polo seu director técnico, Xabier Castro. As fotografías, deseño e coordinación técnica corren da man de Olegario Sampedro, profesor, psicólogo e fotógrafo. O Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER) é o responsable da realización pedagóxica.

No congreso, ademais da Asemblea Xeral de Delegados, á que está previsto que asistan sobre 250 congresistas, representando a máis de 70 países, haberá xuntanzas dos Comités da Paz, Tradución e Dereitos Lingüísticos, de Mulleres escritoras e dos Escritores en prisión. O programa literario aberto ao público contará con talleres, encontros con escritores de renome internacional, recitais e presentación. Ourense será a cidade para compartir e difundir entre toda a comunidade internacional, a través de mesas redondas, as situación nas que a liberdade de expresión está ameazada.

González Tosar avanzou tamén que a undécima edición dos premios “Rosalía de Castro”, que recoñecen a escritores casteláns, vascos, cataláns e portugueses, premia este ano a Dina Salústio, Almudena Grandes, Àlex Susanna e Marisun Landa. A entrega de galardóns terá lugar o 1 de outubro na Cidade da Cultura, no marco do 82º Congreso Internacional do PEN International