image_gallery

 

Xunta de Galicia, Concello de Ourense e Deputación provincial asinaron onte un convenio de cooperación para a posta en funcionamento e mantemento das instalacións do campo de fútbol do Couto, na cidade das Burgas.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que acudiu ao acto acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de asinar o convenio por parte do Goberno galego, mentres que pola Deputación provincial de Ourense foi o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, e polo Concello da capital,o presidente del Consello Rector de Deportes e concelleiro de Deportes, Alfonso Vilachá, os encargados de rubricar o acordo.

O obxectivo deste convenio é que as tres administracións colaboren no mantemento desta infraestrutura deportiva da cidade ourensá e no seu funcionamento, deseñando o seu calendario de actividades. Así no documento recóllese que o campo de fútbol do Couto poderá acoller, entre outros acontecementos deportivos, diversos torneos amigables, a Copa Deputación, e outras actividades futbolísticas, especialmente dedicadas ao deporte base.

No acto, que se desenvolveu no mesmo campo do Couto, os representantes das tres administracións coincidiron en subliñar a importancia deste acordo que posibilitará o aproveitamento desta instalación deportiva por parte dos futbolistas ourensáns.

O campo de fútbol do Couto está a ser utilizado esta temporada, desde o pasado mes de decembro, por parte de dous equipos da cidade, ao abeiro dun acordo que a Secretaría xeral para o Deporte acadou cos seus directivos Unha vez que rematen as súas ligas regulares, esta instalación deportiva acollerá as finais da Copa Deputación, así como o Memorial Lito de fútbol 7 alevín e o Campus de fútbol base.