• A Xunta e o concello do Barco de Valdeorras asinan o acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados deste municipio e destinalos a familias en dificultades
  • Vázquez Mourelle indica que o obxectivo é incorporar as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas e destinalas a alugueiros sociais
  • As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, cun seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios
  • A conselleira salienta a importancia de que os municipios da provincia de Ourense e de toda Galicia colaboren coa Xunta, xa que se trata de ofrecer solucións reais a familias con problemas reais en vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan
  • Na actualidade, 41 concellos xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión: 9 da provincia de Ourense, entres eles os 2 que xa teñen asinado este acordo

image_gallery (4)

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou onte co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o convenio para a incorporación deste municipio ao Programa de Vivendas Baleiras.

Vázquez Mourelle indicou que o obxectivo prioritario é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 €–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado.

image_gallery (1)

 

Solucións reais a problemas reais

Ethel Vázquez salientou a importancia de que o resto dos municipios da provincia de Ourense e de toda Galicia sigan o exemplo do Barco de Valdeorras e colaboren con esta iniciativa da Xunta, xa que se trata de ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.

A conselleira lembrou que o Goberno galego vai seguir traballando, porque mentres haxa unha soa familia en risco de perder o seu fogar non se van dar por satisfeitos.

Na actualidade, 41 concellos de Galicia xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión: 9 da provincia de Ourense, entres eles os 2 que xa teñen asinado este acordo.