Verán ‘moi cálido’ e seco, segundo Meteogalicia

  • Galicia rexistrou un verán “moi cálido” e seco, segundo o avance climatolóxico de Meteogalicia
  • Os valores da temperatura media deste verán acadaron 1ºC de diferenza coa media climática, o que o converte nun verán “moi cálido”, seguido moi de preto polos anos 2013 e 2015
  • En canto ás precipitacións, este verán choveu ata un 42% menos do normal, con valores similares aos que se acadaran en 1998, 2005 e 2013

 

logo_meteogalicia_reducidoGalicia rexistrou un verán “moi cálido” e “moi seco”, segundo se recolle no avance climatolóxico de Meteogalicia. En concreto, os valores da temperatura media deste verán acadaron 1ºC de diferenza coa media climática, ao mesmo tempo que se rexistraron unhas precipitacións un 42% por debaixo do normal.

No informe -que se pode consultar na www.meteogalicia.es-, detállase que o comezo do verán, en xuño, non presentou anomalías significativas en canto a temperaturas, unha normalidade que se rompeu en xullo coa persistencia de altas temperaturas máximas. As mínimas, pola súa banda, non presentaron desviacións notables, agás nas comarcas de O Condado, Vigo e Baixo Miño. En agosto continuaron as temperaturas elevadas, superándose os 30ºC no sur da comunidade nos últimos días do mes.

Deste xeito, no conxunto de Galicia a temperatura media foi de 18ºC. Nas zonas da alta montaña ourensá, como Cabeza de Manzaneda e na serra do Xistral, acadáronse os valores medios máis baixos, próximos aos 14ºC. Pola súa parte, nas localidades do Miño ourensá e no río Sil, así como no Condado, rexistráronse as temperaturas medias máis altas, que chegaron a superar os 22ºC.

Así, en xeral, a temperatura media acadou 1ºC de diferenza coa media climática, o que se traduce nun verán “moi cálido”, que estivo seguido moi de preto polos valores acadados nos anos 2013 e 2015. A pesares desta tendencia xeral, é preciso matizar que tanto a Mariña lucense como a comarca de Bergantiños resultaron lixeiramente frías en comparación coa media climática.

Precipitacións escasas

En canto á precipitacións, este verán choveu ata un 42% menos do normal, unha situación similar á que se producira nos anos 1998, 2005 e 2013.

Ao igual que pasaba coas temperaturas, no mes de xuño rexistráronse precipitacións dentro da normalidade, pero xullo xa resultou moi seco debido á ausencia de sistemas frontais. De feito, moitas localidades non presentaron ningunha precipitación neste mes. Agosto foi tamén seco, con só dous días de choiva xeneralizada, xa que no resto de días as precipitacións foron de carácter treboento.

Segundo os datos de Meteogalicia, na Terra Chá e na Ribeira Sacra choveu un 18% por riba do normal. Pola súa banda, nos lugares onde menos choveu, como por exemplo en parte da comarca de Santiago, as precipitacións chegaron a ser ata un 73% por debaixo da media.

 

También te podría gustar...