Tres de cada catro galegos consideran que o sistema sanitario funciona bastante ben ou ben

SERGASA gran maioría de cidadáns, tres de cada catro, considera que o sistema sanitario funciona bastante ben ou ben aínda que necesite cambios, de acordo cos últimos datos do Barómetro Sanitario, correspondentes ao exercicio 2014, que cada ano fai públicos o Ministerio de Sanidade. A enquisa constata que o 73,2% dos enquisados valoran positivamente o seu funcionamento en Galicia, un rexistro moi superior á media do Sistema Nacional de Saúde (SNS), que rexistra un 62,7%. Así, Galicia conta coa cuarta porcentaxe de satisfacción máis alta de todo o Estado.

Neste eido, na valoración xeral que a poboación fai do sistema sanitario, Galicia rexistra a mellor evolución do Estado cun incremento nesta valoración do 2,5% e unha nota xeral de 6,22 puntos sobre dez.

Constátase así unha evolución positiva nun tema moi importante para os galegos, tanto que somos a comunidade autónoma que rexistra a porcentaxe máis alta de poboación que considera a sanidade como a área de maior interese, cun 37%, por enriba doutras como o emprego ou a educación.

Atención recibida: boa ou moi boa
En canto á atención recibida, é de salientar que os pacientes que acudiron aos centros de Atención Primaria significaron unha valoración moi positiva nun 92,1%, é dicir, máis de nove de cada dez pacientes, o que supera en máis de catro puntos porcentuais a media do Sistema Nacional de Saúde.

Nesta liña, tamén máis de oito de cada dez pacientes, un 82,6%, constatan que a atención recibida nas consultas de especialistas foi boa ou moi boa, unha porcentaxe que aumenta ata o 94,6% no que se refire aos pacientes ingresados nos hospitais públicos durante o ano 2014.

No referente ás urxencias, destaca o 75,7% dos pacientes (tres de cada catro) que tendo utilizado os servizos de urxencias dos hospitais públicos se consideran ben atendidos.

A pública máis que a privada
O estudo demoscópico pon de manifesto que os galegos teñen unha clara preferencia polo sistema sanitario público fronte ao privado en todas as áreas asistenciais, substancialmente por enriba dos rexistros medios do Sistema Nacional de Saúde.

Neste eido, máis de oito de cada dez usuarios defenden a súa preferencia pola sanidade pública para ingresar nun hospital (83,6% fronte ao 63,7% de media no SNS), en Atención Primaria (82,9% fronte ao 68,4% de media no SNS), Urxencias (80,8% sobre o 63% de media no SNS) e Consultas de Especialista (68,3% fronte ao 53,9% de media no SNS).