Traballo incrementa nun 26% o seu apoio para a promoción do emprego autónomo ata os 19,3 millóns de euros

image_galleryA Consellería de Traballo e Benestar destinará 19,3 millóns de euros para a promoción do emprego autónomo a través de dúas ordes de axudas que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), o que supón un incremento na inversión do 26%. Subvencionaranse, en concreto, as altas como autónomos que se formalizaran entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2015.

A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, explicou hoxe en rolda de prensa estas medidas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE): o programa para a promoción do emprego autónomo, que este ano conta cunha dotación de 17 millóns de euros; e o destinado aos mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, posto en marcha por primeira vez cunha dotación orzamentaria de 2,3 millóns de euros.

O programa xeral conta con dúas subvencións: unha para o establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, con axudas de entre 5.000 e 10.000 euros; e unha segunda para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego xuvenil para menores de 30 anos, cunha contía de 1.200 euros. O prazo de presentación de solicitudes esténdese desde mañá, 20 de agosto, ata o 19 de setembro.

Como novidade, o departamento autonómico pon en marcha este ano un programa específico para mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que pretendan desenvolver a súa actividade como autónomos en Galicia, cunha dotación de 2,3 millóns de euros.

Segundo explicou Carmen Bouso, esta iniciativa conta con dous tipos de axuda: subvencións para o establecemento de mozos e mozas como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia de entre 7.500 e 10.000 euros; e outra para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego xuvenil, cunha contía de 1.200 euros. O prazo de presentación de solicitudes esténdese desde mañá, 20 de agosto, ata o 30 de setembro.
Para inscribirse no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil es necesario ter nacionalidade española ou ser cidadán europeo ou estranxeiro que resida en España, estar empadroado en calquera municipio español, ser menor de 30 anos, non ter traballado nos 30 días anteriores á solicitude, e non ter recibido accións educativas de máis de 40 horas mensuais nos 90 días anteriores.

A directora xeral destacou que o departamento autonómico seguirá a apoiar o labor dos emprendedores e autónomos e fixo fincapé na aposta do Goberno galego pola mocidade neste eido. Resaltou que o Goberno galego seguirá a impulsar o traballo autónomo “facendo atractiva esta vía de incorporación ou reincorporación ao mercado laboral para a mocidade”.

A estes dous programas para fomentar o emprego autónomo se suman outras axudas da Consellería de Traballo e Benestar para este mesmo fin. A directora xeral salientou que, “en global, as partidas para o emprendemento, autónomos e cooperativismo, motores da dinamización económica e da xeración de emprego en Galicia, blíndanse con 27 millóns de euros”.

También te podría gustar...