Traballo impulsará entre menores de 30 anos o autoemprego en cooperativas e sociedades laborais con axudas de ata 60.000 euros

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Traballo e Benestar investirá preto de 775.000 euros para fomentar o autoemprego en cooperativas e sociedades laborais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. As axudas oscilan entre os 600 e 60.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a convocatoria desta orde de axudas que inclúe dous tipos de programas diferentes: de incorporación a cooperativas e sociedades laborais e de fomento do emprendemento. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir de mañá e rematará o 30 de setembro. O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 14 de novembro de 2015.
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150827/AnuncioCA05-190815-0001_gl.html

O programa de incorporación a cooperativas e sociedades laborais está dirixido a impulsar a incorporación de mozos e mozas como socios e socias traballadoras ou de traballo a esta tipoloxía de empresas, así como a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación nos que participen mozos e mozas menores de 30 anos mediante a concesión de incentivos e subvencións para o financiamento de determinados custes derivados do lanzamento da actividade.

Polo tanto, poderán acollerse a estas axudas as sociedades cooperativas galegas inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia e as sociedades laborais inscritas no Rexistro Administrativo de sociedades laborais dependente da Xunta e no Rexistro Mercantil que incorporen mozos ou mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como persoas socias traballadores ou de traballo.

Pola incorporación como socios e socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido, a axuda pode ser de 12.000 euros por mozo ou moza incorporada, ata un máximo de 48.000 euros por entidade beneficiaria.

Se a cooperativa ou sociedade laboral é de nova creación, a contía da subvención por persoa incorporada será de 15.000 euros ata un máximo de 60.000 euros por entidade beneficiaria. Para os efectos desta subvención, consideraranse como cooperativas ou sociedades laborais de nova creación as que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para facilitar o acceso ao emprego das persoas mozas, incentívase tamén a incorporación como socios e socias traballadores ou de traballo a proba. Neste caso, a subvención para as cooperativas ou sociedades laborais poderá ser de 600 euros ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses, por mozo ou moza incorporada e ata un máximo de 14.400 euros por entidade beneficiaria.

A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Neste último caso, as contías redúcense ao 50 por cento.

Fomento do emprendemento
O segundo programa, o de fomento do emprendemento, ten por obxecto facilitar o acceso á mocidade á condición de persoas socias de cooperativas impulsando a posta en marcha da actividade emprendedora por conta propia. Así, poderán acollerse ás subvencións previstas neste programa os mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen a unha cooperativa en condición de socios, con compromiso de exclusividade para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.

A persoa moza que solicita a subvención debe estar desempregada e non ter traballado nos 30 días naturais anteriores á data na que emprenda a actividade por conta propia. As axudas serán dunha contía de 3.000 euros por persoa beneficiaria para o inicio da actividade. Tamén se financiarán os custes de estudo e formalización de microcréditos ata o 100 por cento cun máximo de 2.000 euros por solicitude.

As actuacións previstas nesta orde de axudas enmárcanse dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.