Titulados universitarios: traballar durante a carreira e un doutoramento favorecen o éxito na busca de emprego

  • Traballar durante a carreira e acadar un doutoramento favorecen o éxito na busca de emprego entre os titulados universitarios
  • O secretario xeral de Universidades participou na presentación do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2011/2012’, onde explicou que se vai elaborar un mapa de empregabilidade universitaria
  • O 67,53% dos enquisados traballaba no momento de realización da enquisa, polo que se confirma a tendencia alcista da inserción laboral
  • O informe, realizado pola ACSUG, elaborouse sobre unha mostra de 4.687 persoas consultadas

acsugO secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou na presentación do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2011/2012’, un traballo realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Segundo os resultados do informe, elaborado sobre unha mostra de 4.687 enquisas, o feito de traballar durante a titulación e de contar un doutoramento son algúns dos factores que favorecen o éxito dos titulados á hora de buscar emprego.

Os resultados das enquisas telefónicas, realizadas dous anos despois de rematar a titulación, tamén confirman un ano máis que a meirande parte dos egresados traballan en Galicia, e ratifican a súa satisfacción cos estudos cursados.

Segundo explicou o secretario xeral de Universidades, a Consellería ten previsto realizar ao longo do 2017 un mapa de empregabilidade universitaria, que será un complemento a estudos coma este. Este mapa incorporará información sobre o tempo medio en rematar a carreira e en atopar o primeiro emprego desde a obtención da titulación, porcentaxe de titulados que traballan en algo relacionado coa súa titulación, número de egresados, diferenciación de xénero, evolución do número de estudante de novo ingreso, enquisas de satisfacción a todos os grupos de interese, taxas de abandono e outros indicadores relevantes.

“A información deste mapa ten unha dobre finalidade. A primeira, dar información fiable e actualizada ao alumnado e as familias antes de tomar unha decisión fundamental de futuro como é a elección de carreira. En segundo lugar, dar unha información para cada universidade e dirección de centro que oriente os cambios docentes e de contidos teóricos e prácticos que necesitan facer urxente e prioritariamente para responder ás demandas da sociedade galega”, explicou Díez de Castro.

Ademais do secretario xeral participaron na presentación do informe a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, e o director da axencia, Eduardo López Pereira.

Acceso ao emprego
Segundo o estudo presentado hoxe, no momento de realización da enquisa a porcentaxe de egresados que estaban a traballar era do 67,53%. Deste xeito confírmase a tendencia alcista da inserción laboral, xa que o dato do anterior estudo era do 63,33%; e do estudo correspondente aos que remataron a carreira no 06/07 dun 66,11% neste concepto.

Neste sentido o secretario xeral de Universidades sinalou que sempre é superior o nivel de emprego da poboación con maior nivel de estudos, tamén durante a crise económica. A este respecto lembrou que en 2014 a quinta parte da poboación activa española estaba en paro (20,9%), mentres que o paro afectaba ao 12,5% desa mesma poboación activa con estudos superiores. Se o traballador dispoñía de estudos de doutoramento a súa situación era practicamente de pleno emprego en 2013, só cun 4,2% de taxa de paro para este grupo da poboación activa.

O informe conclúe que aos egresados no curso 2011/2012 levoulles de media 9,79 meses atopar o seu primeiro emprego relacionado coa titulación; tempo que se reducen en 6 meses se o titulado contaba cun doutoramento, en 4 meses se durante a carreira traballou en algo relacionado coa titulación, e en 2 meses se traballou nalgún posto non relacionado cos seus estudos.

Respecto das retribucións, o salario medio neto dos titulados do SUG – que viña diminuíndo desde o Estudo do 07/08- mantense no informe actual en niveis similares ao soldo dos que remataron a carreira no 2010/2011. Segundo os datos, o soldo medio é de 1.037,08 euros, e o 45,35% dos que traballan declararon cobrar máis de 1.000 euros ao mes.

No que atinxe á coincidencia entre a titulación cursada e o emprego obtido, o 81% dos titulados buscou emprego relacionado coa súa titulación nos 2 anos posteriores á obtención do título, dos que o 56,38% o atopou. Entre outros factores de éxito para atopar un traballo relacionado cos estudos o informe sinala a participación en programas de mobilidade nacional ou internacional, traballar durante o tempo que se estuda a carreira e realizar prácticas en empresas ou institucións. Este análise é posible grazas á introdución de novos ítems no cuestionario, co obxecto de recadar información relevante sobre temas tan actuais como o impacto da mobilidade dos estudantes universitarios ou o seu coñecemento de idiomas.
Lugar de traballo e modalidade de contrato
O estudo confirma, un ano máis, que a meirande parte dos egresados traballan na propia Comunidade Autónoma. Deste xeito, o 82,08% dos enquisados estaban traballando en Galicia e o 14,64% noutra CCAA; mentres que o 3,29% saíron de España.

Ademais, confírmase a tendencia alcista da porcentaxe de titulados que traballan por conta propia, un 13,98%, fronte ao 12,22% no estudo do 10/11. Do 86,02% que traballa por conta allea o 33,94% ten un contrato indefinido, o 35,23% eventual, o 10,6 en prácticas, o 5,1% unha bolsa e o 1,15% declarou non ter contratou, neste último caso unha porcentaxe moi inferior ao 4,14% do estudo inmediatamente anterior.

Outros estudos e oposicións
Independentemente de traballaren ou non, o 23,38% dos egresados no curso 11/12 declararon no momento de realización da enquisa estar continuando estudos, na súa meirande parte de mestrado (47,5%), de doutoramento (19,77%) ou incluso outro grao (28,31%). Por outra banda, o 19,59% dos que responderon a enquisa telefónica sinalaron estar preparando oposicións.

A satisfacción cos estudos cursados é, en calquera caso, alta. De feito, o 88,83% dos enquisados volvería facer estudos universitarios, o 69,57% a mesma titulación e 60,16% a mesma carreira na mesma universidade.

Ademais, o 91,36% dos titulados enquisados coñece e é quen de usar algún idioma a maiores das linguas oficiais do SUG (galego e castelán). Deles, o 61,79% coñece unicamente un idioma adicional, mentres que o 26,58% coñece 2 linguas máis. O idioma que os titulados dixeron coñecer mellor é o inglés (86,09%), seguido de lonxe polo francés (4,91%) e o portugués (4,16%); mentres que só un 2,77% é quen de empregar o italiano e un 0,71% o alemán. Para describir o seu coñecemento dese idioma adicional, a maioría dos enquisados (57,48%) definiuse como usuario independente (niveis B1 e B2); mentres que un 25,10% considérase usuario competente (niveis C1 e C2).

Ficha técnica
No ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2011/2012’ tivo como poboación obxecto os titulados do SUG durante o curso académico 2011-2012 (titulados que estiveron matriculados no curso académico 2011-2012 e fixeron o depósito do título ao longo do ano 2012). As enquisas realizáronse a unha mostra de 4.687 egresados sobre unha poboación obxecto total de 8.106, o que converte a este informe no máis exhaustivo de toda España en materia de inserción laboral dos universitarios.

No deseño da mostra, fixouse un erro máximo admisible do 10%, cun nivel de confianza do 95%, á hora de seleccionar a mostra de cada titulación e campus. As enquisas realizáronse mediante entrevista telefónica asistida por ordenador dende o 3 de decembro ata o 26 de decembro do 2014, é dicir, 2 anos despois da obtención do título.

También te podría gustar...