Terras Gauda, entre as marcas españolas con maior proxección internacional

terras gaudaBodegas Terras Gauda entrou a formar parte da Asociación de Marcas Renombradas Españolas, unha alianza público-privada de que forman parte as empresas españolas máis destacadas con marcas líderes nos seus respectivos sectores e proxección internacional.

A directiva da entidade aprobou recentemente por unanimidade a inclusión da adega a esta nova categoría, xa que desde 2011 formaba parte do Club MAPI (Marcas de Alto Potencial Internacional).

Terras Gauda é a única adega galega que integra esta alianza xunto a compañías como Zara, Banco Santander, BBVA ou Repsol.

As máis de 100 empresas representadas teñen unha facturación conxunta do 40% do PIB español e proporcionan emprego directo a máis de 1,5 millóns de persoas, informou Terras Gauda nun comunicado.

A asociación está integrada na Fundación Foro de Marcas Renombradas Españolas, canda o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e o de Asuntos Exteriores e de Cooperación, e os organismos públicos Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e o ICEX (España Exportación e Inversiones).

Terras Gauda conseguiu posicionarse en 52 mercados de todo o mundo, destacando a súa presenza nos Estados Unidos, Reino Unido, Noruega, Alemaña, Holanda, Bélxica, Brasil e México.

Esta adega da denominación de orixe Rías Baixas iniciou recentemente as exportacións aos Emiratos Árabes e ao Uruguai, reforzou a súa rede de comercialización en Rusia, Alemaña e Finlandia e consolidou a distribución na China.

EFE

También te podría gustar...