• Deputación de Ourense e balnearios da provincia presentan o programa de “Termalismo Social” 2016
  • A oferta deste ano inclúe estancias de ocio e saúde, así como percorridos turísticos, gastronómicos e de lecer, nunha iniciativa que na que en 2015 participaron máis de 1.700 turistas, que supuxo un incremento de solicitudes do 139 %.
  • O 70% dos participantes no programa proveñen de fóra da provincia de Ourense, e deles un 55% chegaron por medio do tren, grazas ao acordo existente con Renfe
  • Manuel Baltar afirma que o éxito deste programa “ven da cooperación público e privada, que nos permite poñer en valor unha das nosas singularidades máis salientables: o termalismo”
  • O presidente do goberno provincial resalta a importancia “do Plan Termal” e avanza que este ano a Deputación de Ourense destinará 100.000 euros para accións de termalismo social

0 MB e Laias 16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado da deputada provincia de Turismo, Ana Villarino, e do director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, asinou hoxe no Balneario de Laias (Cenlle) con representantes de establecementos balnearios da provincia o convenio de “Termalismo Social” 2016, un programa que desenvolve a Deputación e que ten como obxectivo ofertar servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, nos servizos médicos asociados e nas actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense.

Os balnearios que asinan o convenio son o Grupo Caldaria (Laias, Lobios e Arnoia), e os establecementos termais de Baños de Molgas, Cortegada e O Carballiño, estando en previsión que ao longo deste ano entren en funcionamento os balnearios de Partovia (O Carballiño) e Berán.

A oferta deste ano inclúe estancias de ocio e saúde, así como percorridos turísticos, gastronómicos e de lecer, nunha iniciativa que na que en 2015 participaron máis de 1.700 turistas. O 70% dos participantes no programa proveñen de fóra da provincia de Ourense, e deles un 55% chegaron a través do tren, grazas ao acordo existente entre Deputación de Ourense, Renfe e os balnearios.

En cifras globais o programa oferta inicialmente este ano unhas 2.000 prazas que poderían estenderse ata as 2.500, dependendo da procedencia dos beneficiarios e das modalidades escollidas de estancias e tratamentos.

Manuel Baltar afirmou no acto que o éxito deste programa “ven da cooperación público e privada, que nos permite poñer en valor unha das nosas singularidades máis salientables: o termalismo”, e remarcou a importancia “do Plan Termal”, elaborado coordinadamente coa Xunta de Galicia, “porque este programa de termalismo social é o xermolo do Plan Termal”. Baltar avanzou que este ano a Deputación de Ourense destinará 100.000 euros para accións de termalismo social, e subliñou que na primeira semana desde que o pasado 7 de xaneiro se publicaran as bases do programa 2016 “xa tiñamos rexistradas máis de 250 solicitudes, que son máis da metade das prazas solicitadas nos primeiros meses do ano pasado, o que fala ben ás claras do grande éxito desta iniciativa, que ten como finalidade potenciar a riqueza termal da nosa provincia e con ela todos os sectores asociados ao turismo en Ourense”.

Manuel Baltar agradece a excelente disposición amosada polos balnearios e o labor da Área de Benestar da Deputación para levar a cabo este programa “porque é unha mostra máis de facer provincia entre todos e de seguir potenciando esa idea-forza de “Ourense, a provincia termal” que xa é unha realidade contrastada”, e lembrou que precisamente desde Laias “tomará a saída o vindeiro mes de agosto a “Vuelta a España” 2016, que este ano ten a denominación de “Ourense Termal – Madrid”. “Todo isto –engadiu o presidente- fai que cada vez máis se fale de Ourense, e concretamente do seu termalismo, coa vista posta na chegada do AVE en 2018 que marcará un antes e un despois na nosa historia económica e social. Así o destacaremos a vindeira semana coa nosa presenza en FITUR, onde ademais do termalismo falaremos das demais singularidades que ten a provincia de Ourense e que a Deputación está a apoiar e potenciar”.

Rafael Luaña, en representación dos balnearios, dixo que Ourense e os seus balnearios “ofértanlle ao mundo o mellor que temos, a nosa riqueza termal”, e aproveitou para destacar o feito de que este ano sexa Ano Xubilar, “o que supón un elemento máis de atracción de visitantes á nosa provincia”.

Incremento do 139 %

O número final de persoas que participaron nas diferentes modalidades do Programa de Termalismo Saudable da Deputación de Ourense no 2015 foi de 1.745, esta cifra supón un incremento do 139% sobre as que participaron no 2014, un salto cuantitativo moi importante no apoio da administración provincial ao sector termal e aos seus establecementos balnearios.

Este volume de participantes significou para o conxunto dos balnearios un total de 7.396 pernoctacións e 16.132 tratamentos termais administrados. O 70% dos participantes no Programa proveñen de fóra da provincia de Ourense, e un 55% das persoas que gozaron das Estancias de 6 días chegaron á provincia incluíndo o tren no Programa.

Estancias de 6 días

O programa deste ano contempla como modalidade principal a de Estancias Termais de 6 días (de luns a sábado) que inclúe 5 noites de aloxamento, pensión completa (bebidas incluídas), 10 tratamentos termais con asesoramento médico e animación sociocultural. O requisito para poder participar no programa como solicitante é ter cumpridos, ao menos, 50 anos de idade.

Tamén poderán participar en calidade de acompañante, as persoas que, non cumprindo o requisito de idade desexen aloxarse nos balnearios e/ou recibir os tratamentos como acompañante dunha persoa que reúna os requisitos, para iso deberá tramitarse dentro da mesma solicitude.

O Programa tamén contempla as modalidades de Fin de Semana de Cultura Termal consistente en estancias en establecementos balnearios para unha ou dúas persoas, podendo estar acompañadas dun menor de ata 12 anos. O Programa inclúe pensión completa con bebidas incluídas, 2 técnicas de balneario por persoa e acceso ilimitado ás piscinas termais e a modalidade de Tratamentos Termais que inclúe 20 técnicas de balneario durante 10 días.

Solicitudes a través de internet

Todas as solicitudes serán tramitadas unicamente a través de administración electrónica, na dirección http://termalismo.depourense.es

O procedemento administrativo para a presentación da solicitude e a concesión do programa é totalmente on-line, estando a administración provincial a disposición do cidadán as 24 horas do día, os 7 días da semana.

A concesión do Programa, incluíndo o balneario solicitado e as datas de gozo resolveranse no mesmo proceso e momento da presentación da solicitude. A solicitude poderá presentala por internet o propio interesado ou de forma presencial a través de diferentes organismos colaboradores.

No caso de que o cidadán opte por realizala dende un organismo poderá xestionala a través da Área de Benestar da Deputación de Ourense, dos Servizos Sociais Comunitarios de entidades locais ou dos propios Balnearios participantes.

Solicitudes a través dos concellos

O Programa de Termalismo Social apóiase nun entorno de administración electrónica á que o cidadán pode dirixirse dende calquera lugar e a calquera hora, obtendo unha resposta inmediata e en tempo real a súa solicitude, sen demoras nin retrasos. Este Programa avanza dende a administración que recibe solicitudes on-line ao modelo de administración con procedementos de solicitude-resolución on-line. No mesmo momento e proceso no que o cidadán realiza a solicitude obtén a resolución da administración.

Establécese un sistema de relación administración-cidadán baseado nas novas tecnoloxías e a súa aplicación para a administración electrónica, pero, á vez, é consciente da “brecha dixital” aínda existente entre a poboación polas diferenzas que se producen entre aqueles que teñen e dispoñen de coñecementos e ferramentas para relacionarse electronicamente e os que non teñen esta posibilidade, por elo, a maioría de concellos da provincia son colaboradores co Programa e proporcionar o apoio tecnolóxico aos seus cidadáns, xestionando as súas solicitudes dende os seus departamentos de servizos sociais.

As persoas residentes fóra da provincia de Ourense que queiran participar no Programa poderán usar o tren para o seu desprazamento ao Balneario

Deputación de Ourense e Balnearios entenden como un factor fundamental para a competitividade do sector termal provincial integrar o desprazamento aos establecementos termais da provincia na estratexia de promoción dos mesmos; para logralo sitúan ao tren como o elemento clave para configurar en torno ao mesmo todas as facilidades posibles para chegar aos balnearios combinando o desprazamento por ferrocarril co transporte dende a estación de tren ata cada un dos balnearios.

Para o desenvolvemento do Programa 2016 firmouse un convenio con Renfe a través do cal se inclúe o billete de tren nas estancias termais dende 12 liñas de ferrocarril que cobren a práctica totalidade de comunidades autónomas e que cunha frecuencia semanal conectan todos os luns en torno a 40 cidades, nas que residen máis de 12 millóns de persoas, cos balnearios.

As cidades máis importantes dende as que se dispón de viaxe regular combinado ata os balnearios de Ourense de maneira directa ou con transbordo son Madrid, Segovia, Zamora, Bilbao, Burgos, Palencia, León, Astorga, Ponferrada, Monforte, Cáceres, Plasencia, Girona, Barcelona, Lleida, Zaragoza, Calatayud, Castellón, Sagunto, Valencia, Alicante, Albacete, Cuenca, Cartagena, Murcia, Málaga, Sevilla, Córdoba, A Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra.

Á chegada á estación de Ourense os participantes teñen incluído no Programa o traslado ao Balneario escollido.