Sogama rebaixará nun 10% o canon aos concellos a partir de xaneiro

sogama

Sogama rebaixará nun 10% o canon aos concellos a partir de xaneiro.

O Consello de Administración de Sogama vén de acordar unha rebaixa do 10% no canon que cobra aos concellos adheridos, que terá efecto a partir do vindeiro mes de xaneiro. A Sociedade Galega de Medio Ambiente, participada nun 51% pola Xunta de Galicia, adopta esta medida no marco da revisión do plan de viabilidade 2013-2022, que rexerá as súas actuacións durante os vindeiros anos.

Deste xeito, o canon que Sogama repercute aos concellos pasará dos 74,64 euros actuais por tonelada de lixo a 67,18 euros por tonelada a partir de xaneiro de 2015.

Esta revisión á baixa da taxa sobre o transporte e tratamento dos residuos urbanos é posible grazas a dous factores: o primeiro, o éxito acadado pola Xunta de Galicia na súa negociación ante o Ministerio de Industria, na que se logrou minorar o impacto inicialmente previsto da reforma do sector eléctrico sobre Sogama, que tería obrigado a acometer unha nova suba do canon do 25% en 2015. Froito das xestións do Goberno galego, modificáronse os parámetros retributivos da correspondente orde ministerial nuns termos máis favorables para a Sociedade.

Xunto con isto, a rebaixa do canon é tamén consecuencia do plan de acción posto en marcha por Sogama para incrementar os ingresos e diminuír os gastos, co que xa se conseguiu que as perdas do exercicio 2013 fosen menores do previsto. Con logros como o incremento da reciclaxe ou o aumento da venda de enerxía grazas á redución das paradas técnicas no complexo industrial, e outras novas medidas que se implementarán nos vindeiros exercicios, garántese o incremento da eficiencia.

Grazas a estas novas condicións, é posible aplicar unha redución do canon, blindando ao mesmo tempo a viabilidade futura de Sogama e, deste xeito, a prestación dun servizo básico e esencial para a cidadanía.

También te podría gustar...