«SMILEY WATER»: 3 minutos de solidariedade concentrada nun videoclip

  • Desde Ourense para o mundo 3 minutos de solidariedade concentrada nun videoclip en favor dos nenos refuxiados
  • O proxecto «SMILEY WATER» une a nenos de 15 países que cantan co compositor Alejandro Abad un canto de esperanza e sensibilización
  • A idea, xurdida do coro infantil do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, está apoiada pola Deputación de Ourense, Cruz Vermella, Expourense, Termatalia e balnearios do mundo

0 MB e SW dic10 1

 

Onte, Día Internacional dos Dereitos Humanos, tivo lugar en Expourense a presentación do proxecto internacional de termalismo solidario «SMILEY WATER», unha iniciativa xurdida do coro infantil do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense que fixo posible unir a nenos de 15 países e ao compositor Alejandro Abad «nun canto de solidariedade e esperanza para levar o apoio de todo o mundo en favor dos nenos refuxiados, que están a padecer esta grave situación en Europa», explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante o acto de presentación.

Xunto ao presidente do goberno provincial estiveron os 25 nenos e nenas integrantes do coro infantil do Colexio Padre Feijoo-Zorelle; á coordinadora do proxecto, a profesora María José Novo Escanciano; o director do centro, Honorato Losada Zorelle; o presidente de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o compositor e cantautor Alejandro Abad, autor da canción «Invítale a cantar», que é a banda sonora do proxecto SMILEY WATER.

No acto presentouse o videoclip, gravado en Ourense e en 14 países por nenos de todo o mundo, tendo como fío condutor a auga termal de diferentes balnearios, simbolizando así a pureza da auga e a confraternidade dos pobos do mundo a través das gotas de auga termal que pasan dun país a outro. «Son tres minutos de solidariedade concentrada en música e imaxes en favor dos nenos refuxiados, que desde hoxe todos podemos difundir nas redes sociais e nos medios de comunicación para facer un chamamento á sensibilización internacional a prol dos máis febles no grave conflito dos refuxiados: os nenos», afirmou Manuel Baltar.

Baltar subliñou que esta é unha iniciativa de «termalismo solidario» que nos transcende a todos, participantes e nacións colaboradoras, «porque de todos é a responsabilidade de amosar a nosa capacidade humanitaria en momentos tan duros como os que están a vivir os nenos refuxiados e as súas familias».

Previamente á presentación do videoclip, os nenos do coro e as autoridades asinaron no que definiron como «Muro da Solidariedade» (un panel colocado no exterior de Expourense xunto a escultura da Gran Gota de Auga que preside o centro expositivo). Alí, cada un expresou o seu sentimento de solidariedade con frases, debuxos e sinaturas que serán igualmente difundidos polas redes sociais na canle do proxecto SMILEY WATER.

Alejandro Abad dixo sentirse «honrado e plenamente satisfeito» co traballo, a colaboración e as facilidades que todos os colectivos achegaron para facer realidade este proxecto. «A música é o vehículo máis potente e poderoso para transportar emocións», dixo o compositor, quen animou a facer «corazóns máis grandes para que neles caiba moita solidariedade en favor dos nenos».

Honorato Losada Zorelle agradeceu a todos a colaboración e dixo sentirse ledo de ver que unha idea que naceu dos nenos do coro do noso colexio convértese nun canto internacional de solidariedade. Iso para nós supón un elevado grao de compromiso e responsabilidade».

Pola súa banda, Felipe Ferreiro expresou a ledicia que significa para Cruz Vermella participar no proxecto SMILEY WATER. «Estamos moi satisfeitos con este traballo», dixo, e lembrou que desde Cruz Vermella estase a dar todo o apoio posible para para poder recibir aos refuxiados, alí onde vaian, nas mellores condicións».

Alejandro Rubín, encargado de coordinar aos balnearios do mundo que participaron no proxecto, agradeceu que se contase con Expourense e con Termatalia «nunha singular acción que terá a repercusión que merece porque esta é unha labor solidaria de todos, institucións, empresas, e o máis importante: os nenos do mundo que se brindaron a participar».

Desde onte o videoclip de SMILEY WATER coa canción «Invítale a cantar» estará dispoñible na canle de Youtube do proxecto para ser distribuído e descargado gratuitamente por todas as redes sociais. No enlace figurará un número de conta de Cruz Vermella para que as persoas e entidades interesadas en colaborar poidan facer a súa achega económica solidaria en favor dos nenos refuxiados.

O videoclip do proxecto SMILEY WATER tivo como escenarios de gravación diferentes localizacións da provincia de Ourense como a Ribeira Sacra, a capital ourensá e os balnearios de Laias, Arnoia, Lobios, O Carballiño, Baños de Molgas, Cortegada e Berán, así como balnearios de 14 países.

 

0 MB e SW dic10 2

También te podría gustar...