Román Rodríguez anuncia un investimento de arredor de 400.000 euros para a ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense

image_galleryO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou onte a mañá que o seu departamento vai investir arredor de 400.000 euros na ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, obra para a que xa se reservará unha partida nos orzamentos de 2016. O obxectivo é dar resposta ao interese da cidadanía de mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras, que se ten traducido nos últimos anos en incremento de matrícula e de oferta nestes centros, mesmo coa introdución de novos idiomas como o chinés.

Segundo o anteproxecto das obras, o obxectivo é construír unha ampliación do edificio de 3 andares. Deles o baixo estaría porticado e os outros dous acollería, en total, polo menos 4 aulas, que poderían chegar a 6 no suposto de que os condicionantes urbanísticos da parcela o permitisen.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia fixo este anuncio durante a súa visita esta mañá ao IES Universidade Laboral de Ourense, onde comprobou os resultados das obras que se están a realizar este verán para a renovación das cubertas, unha obra que se investiron preto de 250.000 euros. Ademais, o centro contará o ano que vén cun novo laboratorio de idiomas.

Román Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Máis de 1.700 metros cadrados de cuberta renovada
As obras no IES Universidade Laboral de Ourense supoñen a renovación de 1.786 m2 cubrición, en concreto as partes sobre o módulo de administración, parte do corredor, aulas de plástica e de audiovisuais, laboratorio, biblioteca, sala de caldeiras e hall de acceso. Ademais, repintáronse os espazos afectados polas humidades.

A cuberta antiga, de fibrocemento, foi substituída por unha nova de panel metálico tipo ‘sandwich’ de 5 centímetros de espesor. A singularidade da cuberta do hall de acceso, con 121 claraboias semicirculares que dotan ao espazo de luz natural pero que supoñían problemas por goteiras, resolverase mediante a superposición dunha cuberta translúcida a dúas augas que minimice os puntos de encontro – posibles vías de auga- na cuberta.

Estas melloras súmanse ás realizadas nos últimos anos tanto na propia cuberta do instituto como no patio, no pavimento ou sala de caldeiras, así como reestruturación de espazos para mellorar a oferta de ciclos formativos no centro.

CIFP A Farixa
Durante a súa visita á cidade das Burgas, na que estivo acompañado polo alcalde, Jesús Vázquez Abad, e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; o conselleiro achegouse tamén ao CIFP A Farixa, onde comprobou o avance das obras que se están a realizar nos talleres, por un importe total de 57.000 euros. En concreto, estase a construír unha pequena entreplanta no taller de Enerxías Renovables para a colocación dos paneis solares, ademais de dividir outro dos talleres en 2 andares. Neste segundo caso o obxectivo é reorganizar os espazos dedicados aos ciclos de edificación e de electrónica.

Cómpre lembrar, así mesmo, que o convenio asinado pola Consellería e Zona Franca de Vigo vai permitir a ampliación do viveiro de empresas deste centro, que foi aberto polo actual Goberno galego no ano 2013.

Plan de infraestruturas
Estas obras súmanse ás que a Consellería está a realizar en centros educativos de toda Galicia no marco do plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos de centros educativos, que supón un investimento de preto de 18,4 millóns de euros en toda Galicia. Román Rodríguez lembrou, ademais, que neste contexto se están a investir 372.000 euros na ampliación do IES O Ribeiro de Ribadavia.

Neste sentido cómpre sinalar que, como centros de secundaria que son ambos, o IES Universidade Laboral e O Ribeiro, veranse tamén beneficiados pola progresiva dixitalización de todas as aulas públicas de 5º e 6º de Primaria e da ESO con equipamento informático renovado —encerados dixitais, proxector, etc—, e acceso á internet. A nova actuación, de dixitalización do 100% das aulas públicas nestas etapas, ten que como obxectivo facer desaparecer a fenda dixital nos centros educativos, e está tamén enmarcada no devandito plan.

Neste sentido o conselleiro salientou o esforzo desenvolvido polo seu departamento e polas propias comunidades educativas ao longo deste verán para que hoxe se estean rematando xa as melloras que nestes tres meses se realizaron nos centros de ensino de toda Galicia, co fin de que o novo curso académico 2015/2016 arrinque con total normalidade.

También te podría gustar...