Rogelio Martínez entrega en Xinzo os diplomas ás alumnas do curso de Alfabetización Dixital da ‘Rede Emprende en Igualdade’

curso SXI

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou no acto de entrega dos diplomas ás 17 mulleres que participaron nun curso de alfabetización dixital que se impartiu durante cinco días na aula Cemit de Xinzo da Limia.

A actividade enmarcase dentro do Proxecto Rede Emprende en Igualdade, que puxo en marcha este ano a Secretaría Xeral da Igualdade,  en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería e Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega, que ofreceu a súa a rede de aulas Cemit.

Na provincia de Ourense, ademais de en Xinzo e simultáneamente, celebrouse tamén curso de alfabetización dixital no concello de Celanova. Os cursos foron de 20 horas e foron impartidos por profesionais do CPEIG nas aulas Cemit de cada concello.

A Rede Emprende en Igualdade ten como finalidade mellorar as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino a través do fomento e coñecemento das competencias e formación tecnolóxica e as redes sociais, así como a posta en marcha e modernización das actividades e capacidades empresariais e persoais, fundamentais hoxe en día para acadar unha mellora profesional.

Ás mulleres participantes nestes cursos ofréceselles formación e asesoramento en asuntos relacionados co emprego da Internet e as redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; procura de emprego; as TICs como ferramentas transversais de aforro de tempo; creación de empresas e igualdade de xénero.

Eixe do Plan Galego para a Igualdade

A Rede Emprende en Igualdade inscríbese no eixe 3 do VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres da Xunta de Galicia, que busca “outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”.

También te podría gustar...